Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
SOLICITAN UNHA REUNIÓN CO CONSELLEIRO DE INDUSTRIA PARA QUE EXPLIQUE AS SÚAS PRETENSIÓNS

Os ecoloxistas piden a revisión do Plan Sectorial Eólico

Onte recollían os medios de comunicación unhas declaracións da Consellería de Industria anunciando que nos próximos tres meses se poderían adxudicar 2.500 Mw máis de potencia eólica en Galiza. Ante estas previsións, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) queren expresar a súa inquietude, por canto aínda non se ten avanzado nada na definición do correspondente Plan Sectorial Eólico nin tampouco no respecta á exclusión dos espazos da Rede Natura e demais espazos protexidos: a adxudicación agora desta potencia non cabe dubida que pode comprometer aos poucos espazos protexidos exentos hoxe destas infraestruturas.

- 10:45 25/01/2006
Tags:

Os ecoloxistas apostamos polas enerxías renovábeis, pero nunca a costa de crear impactos inxustificados e inasumíbeis. Recoñecemos que Galiza poder ter capacidade para desenvolver aínda máis potencia eólica da que hoxe está instalada, pero ten que facerse con racionalidade, preservando os espazos protexidos e primando o aforro e a eficiencia enerxéticos sobre o negocio do despilfarro e a especulación. É por isto que temos solicitado da Consellería de Industria a que se inicie canto antes a revisión do Plan Enerxético, do Plan de Enerxías Renovábeis e, consecuente con estes, a revisión tamén do Plan Sectorial Eólico e demais plans sectoriais. Mentres tanto, debe de haber unha moratoria que permita non hipotecar a preservación dos espazos protexidos e o desenvolvemento racional destes Plans.

Dende a Federación Ecoloxista Galega, non se entende que a mesma Consellería de Industria, na que tamén se inclúe as competencias de Turismo, despreocúpase do mantemento da Paisaxe Natural Galega, cando é un dos atractivos que motivan ós visitantes achegarse a Galiza (como o sinala o último informe sobre o turismo no 2005 en Galiza e presentado polo señor Fernando Blanco a finais de decembro) e así o están a vender na Feira de Turismo (FITUR) a celebrar estes días.

Pouco queda do discurso de sostibilidade, nas que se pretendía crear menos parques eólicos e aumentar potencias dos existentes. Agora a Administración cede ante as empresas para seguir creando novos parques eólicos e logo aumentar a potencia. Así, as empresas seguen a aumentar os beneficios, mentres os veciños do entorno dos parques, poucos ou ningúns beneficio ou prestacións son os que reciben, pese ás promesas dadas polas Administracións e as empresas. E a nivel ambiental, son esquecidas as medidas ambientais unha vez autorizada a concesión.

Todos queremos máis, pero poucos teñen este dereito.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: