Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTRATEXIA PARA "CORRIXIR DESEQUILIBRIOS HISTÓRICOS"

Suárez Canal presenta un plan de infraestruturas no rural que vai compensar os concellos marxinados en anos anteriores

Serán un total de 80 millóns de euros a investir entre 2006 e 2009 nos concellos galegos co obxetivo de "dinamizar a base produtiva, mellorar a calidade de vida dos habitantes e fixar poboación no medio rural", en palabras do conselleiro de Medio Rural. Alfredo Suárez Canal explicou este mércores que os municipios recibirán como mínimo unha media 150 mil euros e achegas extra en función de criterios coma a súa extensión, poboación ou grao de avellentamento. Á beira, vanse priorizar as obras en concellos antes marxinados, de xeito que cara ao final da lexislatura teña existido un equilibrio nos investimentos.

- 14:14 25/01/2006
Tags:

Fronte á polémica das cuestionabeis obras promovidas polo plan do anterior goberno, que contemplaban proxectos coma piscinas ou campos de golf dos que xa lles temos contado, o conselleiro Suárez Canal subliña desta volta que os investimentos se restrinxen a proxectos que "entren nas competencias desde departamento". Nesa liña, os cartos irán para obras de infraestruturas de servizos básicos elementais coma, entre outros, "abastecementos de auga domiciliaria, saneamentos, camiños agrícolas e pistas rurais". A consellaría poñerá os servizos técnicos das súas delegacións provinciais a disposición dos gobernos municipais para a asesoría e a redacción dos proxectos.

O conselleiro subliñou que este Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural "introduce a novidade de primar o criterio de ruralidade na execución dos proxectos" e fai ponderación en función do carácter agrario do contorno local avaliando criterios coma "número de explotacións, cotizantes, maquinaria, cabezas de gando e representación da superficie agraria útil fronte á superficie total". Coa intención de incidir nas zonas rurais máis desfavorecidas , tamén serán baremos para a distribución dos cartos criterios coma "o grao de despoboamento e de envellecemento, a dispersión dos núcleos de poboación e a extensión territorial".

Corrección dos "desequilibrios"
Lembrámoslles que 44 dos 46 concellos galegos onde o investimento entre 2002-2005 superou os 720 mil euros, estaban gobernados polo PP e que a ducia de concellos onde se superou nese período o millón de euros investidos tiñan tamén alcalde do PP. En lembranza destas cifras, Alfredo Suárez Canal explicou que a consellaría terá en conta esa situación para reequilibrar os orzamentos, de xeito que cara ao final da lexislatura e feita a conta desde 2002, os concellos teñan recibido unha media duns 650 mil euros de investimento.

Así, e nos dous próximos anos, os recursos privilexiarán aos 67 concellos que quedaran excluídos do Plan de Infraestruturas do anterior goberno e tamén aos que tiñan proxectos suspendidos. Destes últimos, cando menos un 20% das obras proxectadas non se realizarán por non cumpriren os criterios establecidos.

O conselleiro destacou que os criterios para "a mellora na obxectividade da distribución" destes cartos "co obxecto de racionalizar os investimentos en obras de infraestruturas no medio rural" inclúen as achegas realizadas pola propia Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, institución á que a próxima semana se lle dará conta do novo plan. Ao tempo, esa mesma semana Suárez Canal comparecerá no Parlamento para explicalo en detalle.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: