Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POTENCIARASE UN MODELO COMÚN DE DESENVOLVEMENTO

Conclúe o cumio entre Galiza e Asturias coa intención de "diluír fronteiras"

Entre os acordos acadados no cumio, Touriño salientou a estratexia conxunta que desenvolverán os dous Gobernos ante o Ministerio de Fomento para conseguir que ao longo do presente ano todos os treitos da Autovía do Cantábrico estean en obra ou se liciten. "Queremos que 2006 sexa o ano do inicio completo en toda a súa lonxitude, extensión e tramos da Autovía do Cantábrico", á que definiu como unha obra cunha "importancia estratéxica" como eixo vertebrador do noroeste peninsular.

- 18:47 30/01/2006
Tags:

No eido das infraestruturas, o presidente da Xunta tamén notificou a posta en marcha dun Consorcio que se encargará do deseño dun plan conxunto de desenvolvemento integral da ría do Eo. Así mesmo destacou o impulso que os dous Gobernos darán ás comunicacións interiores na zona da Fonsagrada, Oscos e Salime, "dúas zonas de montaña ata agora xustapostas e faltas de relacións". Para corrixilo porase en marcha a finalización do enlace Pontenova-Taramundi e a construción das conexións Fonsagrada-Grandas de Salime e Fonsagrada-Santa Eulalia de Oscos. Lograrase así, segundo incidiu Emilio Pérez Touriño "vertebrar" unhas zonas complexas e complicadas.

Loita conxunta contra os incendios
No tocante ao medio rural, o presidente da Xunta salientou o protocolo de colaboración que asinan as dúas comunidades para compartir información e medios de extinción na loita contra os incendios forestais.

Touriño informou tamén do impulso que os dous Gobernos darán a proxectos comúns en materias de educación e I+D+i, a través da busca de financiamento europeo e estatal para proxectos en áreas de biotecnoloxía, biomedicina, nanotecnoloxía, tecnoloxías da información e investigación mariña, pesqueira e enerxética. Ademais, fomentarase o intercambio de experiencias entre centros tecnolóxicos, así como a mobilidade e a cooperación universitarias.

Finalmente, tamén se referiu á posta en marcha de plans conxuntos de desenvolvemento turístico, nos que salientou a petición que cursarán ao Consello do Patrimonio Histórico Español para que o Camiño Norte de Santiago, o camiño primitivo, sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade.

"Non hai que fomentar rivalidades"
Vicente Álvarez Areces coincidiu co presidente galego en salientar o "clima excepcional e cordial" que presidiu o Cumio, o que permitiu lograr grande "eficacia" nas conclusións pechadas. "É unha das reunións mellor traballadas, con conclusións máis operativas para os cidadáns", sinalou.

Areces evidenciou este clima de confianza entre as dúas comunidades ao lembrar que se antes do cambio de Goberno en Galicia "estabamos en litixio na ría do Eo, hoxe construímos o futuro xuntos". "Non hai que fomentar rivalidades, senón unir esforzos e ser partícipes de proxectos comúns", salientou.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: