Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG PIDE A "TERRITORIALIZACIÓN" DAS TAXAS

Galiza recadaría mil millóns máis se cotizasen aquí as empresas que levan a sede fiscal a Madrid

"Hai 128 mil traballadores galegos que están vendo cotizar o seu IRPF en Madrid a través das súas nóminas", laiouse este luns Francisco Jorquera, coordenador da executiva do BNG. O tamén senador polo Bloque explicaba así á saída da reunión da executiva da formación a intención do BNG de presionar para que no contorno do debate sobre o novo sistema de financiamento autonómico se fale tamén desta paradoxal situación que se corrixiría "coa territorialización plena das taxas".

- 07:24 31/01/2006
Tags:

En números concretos, eliminar ese "efecto sede" que leva a que moitas grandes empresas que están operando en Galiza, caso de Fenosa ou Endesa, leven a súa sede fiscal a Madrid, situación que involucra ademais ao 13% do total dos traballadores galegos, achegaría a Galiza arredor de mil millóns extra cada ano.

Segundo Jorquera, iso leva a situacións irregulares que lle dan estatisticamente á comunidade de Madrid o 47,5% do total de taxas recadadas, malia que o PIB madrileño queda no 17,4% do estatal. Á beira, Galiza recada un 5,1% mentres que o seu PIB é o 5,3% respecto da media. Francisco Jorquera lembrou de paso que o BNG reivindica unha axencia tributaria propia para Galiza.

Rodríguez pide unha Axencia Tributaria Galega
Sobre o asunto falara xa hai uns días Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso, na entrevista que recollía a propia web da formación. "Para que haxa autogoberno ten que haber autonomía financeira", subliñara o deputado nacionalista galego.

Rodríguez destacou que os números da recadación fiscal do Estado español en Galiza en 2003 chegan aos 7.600 millóns de euros, "mentres que as transferencias que fai o Estado para os gastos básicos da Xunta de Galiza son 5.600 millóns de euros". Á luz deses números, Rodríguez dixo que "non temos que terlle medo ningún á autonomía financieira".

O deputado nacionalista insistiu especialmente en que co actual modelo, que cualificou de "disparatado", a Axencia Tributaria recada en Madrid "o 49% do total estatal", e lembrou que aló cotizan impostos "sociedades que non operan alí", polo que se Galiza recadase "proporcionalmente todo o que nos corresponde das grandes empresas que operan en Galiza pero teñen a súa sede fiscal en Galiza, o balanzo aínda sería máis favorável para nós".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: