A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, anunciou o martes na Coruña a sinatura do acordo de suspensión temporal das obras correspondentes aos edificios do Teatro da Música e de Novas Tecnoloxías, que constrúe a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Copasa, Necso e OHL. As empresas renunciaron a cobrar as indemnizacións de cinco millóns de euros previstas por contrato, e recibirán 150.000 en concepto de custos indirectos. Aínda por adxudicar o 10% da obra -uns 37 millóns-, Bugallo confirma así o que xa anunciara no Parlamento de Galiza.
A Consellería considera que a suspensión temporal de 14 meses é "necesaria" para "redistribuír" o proxecto" e "readaptar" as estruturas ás novas funcionalidades que procura o departamento para a obra do Monte Gaiás.
Nos Almorzos On/Off que organiza na Coruña o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Ánxela Bugallo manifestou a súa confianza ao respecto dos prazos. A conselleira confía en que o proxecto da Cidade da Cultura estará "definido de cara ao verán, para a partir de aí facer a reorganización dos espazos".
A previsión, segundo a conselleira, é que o edificio da hemeroteca e a biblioteca se inauguren "en 2007, se todo vai ben", pois -precisou- "agora mesmo non se pode falar de prazos concretos".
Cultura abriu xa o proceso de definición dos contidos. Por un lado, pedíronselle senllos informes ao Consello da Cultura Galega e ao Museo do Pobo Galego, mentres un equipo da Consellería "está a elaborar a base cultural de contidos destes dous espazos".
Tamén se abriu un proceso aberto aos diferentes sectores culturais, din, "no que haberá mesas temáticas, encontros sectoriais e, finalmente, un gran foro a xeito de conclusión".
O orzamento total licitado da Cidade da Cultura é de 373,78 millóns de euros. O executado até o de agora non chega a 71. A suspensión afectará unicamente ao Teatro da Música, orzamentado nuns 85, e ao Edificio de Novas Tecnoloxías, valorado nuns 31 millóns.
Reaccións
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo (PSdG), pediulle á Xunta un "compromiso claro" de remate das obras, e xustificou a suspensión, pois pode "mellorar o proxecto e facelo máis útil para Galiza".
O PP compostelán esixiu que a suspensión temporal non se prolongue "máis de tres meses, o que sería un período aceptábel", pois o feito de suspender durante catorce meses as obras do Teatro da Música e do edificio de Novas Tecnoloxías, segundo Dositeo Rodríguez, "sería peligrosísimo".
En termos moito máis duros, o grupo parlamentar do PPdG asegurou que "expertos de todos os ámbitos" colaboran "desde hai anos" na definición dos contidos da Cidade da Cultura de Galiza.
O PPdG entende que a Xunta "omite deliberadamente" esta colaboración, e afirma que o prego de bases polo que se rexeu o concurso internacional de arquitectura -convocado en 1999- "xa definiu os espazos e usos necesarios".
Fan fincapé na necesidade, ao seu xuízo, de manter os usos do Teatro da Cidade da Cultura, pois "permitiría acoller calquera produción, incluídas algunhas das óperas máis espectaculares, que só se representan en grandes escenarios".
O BNG compostelán xa anunciou que esta paralización de 14 meses "non é significativa nunha obra que suporá dez anos de traballo", e atribuíuna ao desexo da Xunta de que a obra "se faga e se faga ben". "O resto das obras seguirán o seu curso", lembrou o portavoz nacionalista no concello compostelán, Néstor Rego.