Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A INTERLOCUCIÓN DE MEDIO RURAL E A PRESIÓN SINDICAL DESBLOQUEAN DE MOMENTO A SITUACIÓN DO SECTOR LÁCTEO GALEGO

As industrias manteñen o prezo do leite e negociarán cos sindicatos

O traballo de interlocución da consellería e a presión sindical, operando xuntas por vez primeira en tres lexislaturas, asinaron a primeira concesión das industrias lácteas desde 1998. A Federación Nacional de Industrias Lácteas dera por feita a baixada do leite en orixe, pero agora comprometéronse a suspender a que tiñan prevista para xaneiro, nunha operación que pretendía abaratar até 3 céntimos de euro o leite das 16.149 explotacións galegas entre xaneiro e abril. Os sindicatos -e a consellería- falan dun "punto de partida", e agora sentarán coa industria nunha mesa de negociación que se pode alongar todo o mes. As mobilizacións fican pendentes do posíbel acordo coa industria.

- 19:22 01/02/2006
Tags:

"Ábrense as portas para unha nova negociación na que se inclúa unha análise máis polo miúdo da evolución da campaña, e que permita mellorar a estruturación do sector lácteo galego", sinalou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

A situación de partida non era a mellor: máis da metade dos productores lácteos do Estado son galegos, pero entre Leite Río e Feiraco, as únicas lácteas de capital galego, non chegan ao 25% do leite envasado en Galiza, e a administración -lembrou o conselleiro- "non pode intervir no mercado nin fixar os prezos, só mediar entre as partes".

Neste sentido, Medio Rural celebrou este "punto de partida para establecer a Mesa do Leite como un órgano estábel de interlocución co sector". No camiño cara á tarifa única -máis claridade no recibo dos gandeiros, ante a disparidade das facturas- "xa se experimentaron avances", remarcan.

"Principio de acordo"

A secretaria xeral do SLG, Lidia Senra, falou dun "punto de partida. Haberá mobilizacións se non hai acordo e a industria toma decisións unilateralmente".

Encol da posibilidade -se hai acordo- de que sexan as explotacións galegas as que -por primeira vez- salven a baixada do leite en orixe que está levando ao cabo a Fenil en todo Estado, Senra remarcou a "importancia de que Galiza chegue a acordos que poidan condicionar positivamente a evolución do sector no Estado. Pero para iso aínda hai que chegar a acordo".

Javier Iglesias, secretario de Gandeiría de Unións Agrarias, falou dun "principio de acordo entre industria, produtores e Consellería para establecer mecanismos transparentes de fixación de prezos". A dúbida agora é se a mesa de negociación entre sindicatos e industria debaterá as oscilacións dun prezo mínimo ou se discutirán prezos estacionais.

Iglesias fixo fincapé en que os prezos en orixe dos gandeiros galegos, 0,29 euros/litro, "seguen estando lonxe da media estatal", que supera os 0,31. "É de agradecer que as industrias suspendan a baixada de xaneiro", dixo, "pero isto só é o primeiro paso". Unións remarcou a implicación da Xunta nas negociacións, "porque nos últimos 16 anos viron os touros desde a barreira".

Tamén o sindicato XXAA-Asaja, integrado na patronal, celebrou os puntos de encontro entre produtores e industria. "Agora cómpre traballar para conseguir que se fixe un importe de referencia para toda a campaña", sinalaron.

Pola súa banda, o director da cooperativa galega Feiraco, José Luis Antuña, considerou "imprescindíbel" a existencia dunha mesa de negociación estábel entre produtores e industria. A imposición unilateral dos prezos en orixe por parte da industria, dixo, "non é un procedemento sostíbel no tempo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: