Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"NON PODE HABER AUTONOMÍA POLÍTICA SEN AUTONOMÍA FINANCEIRA"

Quintana propón unha cesta fiscal propia e investimento blindado para Galiza

Os líderes políticos van concretando as súas propostas para o modelo financeiro que rexerá a Galiza no novo Estatuto, e Quintana afondou hoxe na reclamación dunha relación bilateral con Madrid para "deixar a idea que queren vender de Galiza coma un país pobre, sen recursos, que só pode vivir se ten a solidariedade do Estado". A súa proposta de momento apóiase en tres posturas concretas: a reclamación dunha cesta de tributos propia, a definición dos mecanismos de compensación interterritorial tendo en conta criterios coma a dispersión da poboación, e mais a blindaxe do investimento do Estado "para que cada ano non esteamos pensando no que se nos vai dar". Quintana pediulles ao resto das forzas políticas "que xoguen coa mesma claridade, porque se xogan coa mesma claridade seguro que imos chegar a puntos de encontro".

- 17:48 02/02/2006
Tags:

Quintana aludiu ademais ao recoñecemento nacional de Galiza: "Eu creo que Galiza é unha nación e creo que chegou o momento de recoñecelo". A este respecto mostrouse convencido de que, se neste momento non se procede a este recoñecemento ao mesmo nivel que Euskadi e Cataluña, Galiza vai perder estatus. "Polo tanto, o que non queira facer ese recoñecemento terá que explicarlle aos cidadáns galegos que queren para Galiza un recoñecemento inferior ao que van ter Euscadi e Cataluña", advertiu.

No tocante ás propostas concretas de financiamento, a súa postura pasa por reclamar unha cesta de tributos propios para Galiza: "O que recibiu Cataluña nese sentido non nos vale a nós, temos que fixar a nosa propia". Falou tamén de definir como vai participar Galiza nos mecanismos de compensación interterritorial, conseguindo que se teñan en conta criterios coma a dispersión da poboación para calcular o custo dos servizos. O terceiro alicerce a defender para Quintana é a blindaxe do investimento do Estado en Galiza: "Temos que conseguir investimento blindado para que cada ano non esteamos pensando no que se nos vai dar". Para o vicepresidente "iso chámase débeda histórica", unha débeda que cifra en 21.000 millóns de euros a pagar en oito anos a razón de 2.600 millóns de euros por ano.

O líder do BNG afondou na idea da biteralidade, convencido de que Galiza ten posibilidades e recursos "e agora hai unha oportunidade para demostralo". Para iso, "Galiza tense que valer por si mesma". "Se outros foron capaces de ter unha relación bilateral co Estado, como fixo Cataluña para defender o seu modelo de financiamento, pois nós temos agora que aproveitar a oportunidade e reclamar tamén esa relación bilateral para facer o noso propio modelo de financiamento", engadiu. Na súa opinión, "o modelo de Euscadi, o de Cataluña ou o calquera outro non nos serve a nós, temos que facer o noso propio modelo e negocialo co Estado, e polo tanto esa relación de bilateralidade é fundamental neste momento".

Por outra banda Quintana falou da importancia de que Galiza teña posibilidade de representación propia no ámbito internacional. Cualificou esta cuestión coma "fundamental para o noso futuro", xa que "Galiza precisa defender os seus intereses alí onde se decide" e considera que "debe formar parte das competencias que se recollan no novo Estatuto".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: