Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN DOS DEPUTADOS VOTOU EN BRANCO; DISQUE O EX PRESIDENTE NON FOI

Fraga despídese do Parlamento de Galiza para "seguir servindo a España"

Catro maiorías absolutas e unha simple despois, Manuel Fraga Iribarne entrou no Parlamento de Galiza para ser senador en Madrid. A sesión extraordinaria do pleno do Parlamento serviu para que 74 dos seus 75 membros -un voto en branco- votasen a súa candidatura. Fraga deu as grazas a Galiza, onde pasou "os mellores anos" da súa vida, e agora -dixo- "seguirei servindo ao conxunto de España". O acto foi moderadamente emotivo, pero non todos aplaudiron. Fontes cercanas ao servizo de Fraga aseguran que o voto en branco non era o seu.

- 18:44 07/02/2006
Tags:

Fraga abandonará o piso de Compostela onde os estudantes o abouxaban polas noites; en marzo terá feito o traslado. Hoxe entrou na Cámara do ganchete do seu sucesor na oposición, Alberte Núñez Feijóo; o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda; e Juncal, Barreiro, Baltar e Louzán. Un vigairo por provincia.

O incidente máis grande que houbo foi a caída da socialista Beatriz Sestayo, que atrancou o pé antes de entregar o voto.

Con todo contabilizado, o presidente da Xunta de Galiza entre 1989 e 2005 foi aplaudido por case todos, anque houbo deputados -Bieito Lobeira, por exemplo- que non quixeron aplaudir. Entón, todos os deputados do PPdeG se ergueron para felicitalo, e Dolores Villarino fixo o propio.

Fraga pediu entón turno de palabra. Dixo que chegará ao Senado nun "momento oportuno" para estudiar a reforma da Constitución, e concluíu a súa intervención, a derradeira despois de dezaseis anos, asegurando que a súa primeira obriga será "seguir servindo ao conxunto de España", pero moi especialmente "á miña querida terra", Galiza.

Fraga aceptara a proposta do PPdeG de promover a súa designación como senador despois de ser relevado por Núñez Feijóo no congreso extraordinario dos populares galegos. A proposta requereu a renuncia previa ao escano de Corina Porro, a actual rexedora de Vigo.

Fica a dúbida do voto en branco que impediu botar a conta redonda dos 75 membros do Parlamento de Galiza. Partiu do goberno ou da oposición?


0/5 (0 votos)