Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFIRMA QUE AS INSTITUCIÓNS SERÁN REFORMADAS

Touriño di que o bipartito non proxecta suprimir as deputacións e o BNG reclama que se eliminen

"Vanse reformar para poñelas ao día e acomodalas ás novas demandas dos concellos". Así o confirmou este xoves o presidente da Xunta, precisando respecto aos comentarios do conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, esta semana no Parlamento que o bipartito non se posiciona a prol de suprimir estas institucións, pero si de revisar o seu funcionamento. Na mesma xornada, desde o BNG, o secretario de política municipal da executiva, Roberto Mera, subliñaba que o Bloque vería con bos ollos a eliminación das deputacións: "son un modelo artificial, alleo á realidade galega e herdado do centralismo do século XIX".

- 07:02 10/02/2006
Tags:

Emilio Pérez Touriño explicou que diante da incapacidade amosada polas deputacións para atenderen correctamente as necesidades dos concellos galegos, é necesaria a revisión do seu funcionamento coma institucións. "Hai que cambiar a política de subvención e dependencia e ir cara a unha estratexia de cooperación", dixo Touriño. O presidente da Xunta xustificou así a vontade da Xunta de intervir sobre a xestión das deputacións para o impulso de "outras formas novas de traballo" que lle garantan aos concellos a colaboración para a prestación de servizos.

"Están ancorados en non querer avanzar nin faceren nada", preguntado polas declaracións dos presidentes das deputacións onde o PPdeG ten o poder, acusoulle Touriño aos populares de inmobilismo. Sobre o futuro das institucións, asegurou que o bipartito aínda non decidiu se as reformas sobre as atribucións competenciais das deputacións se farán a través dun proxecto específico ou ben aproveitando o proceso de reforma estatutaria.

O BNG pide a eliminación
"A práctica política das deputacións provinciais gobernadas polo Partido Popular tense caracterizado polo clientelismo e uso persoal dos fondos por parte dos presidentes", denunciou este xoves en rolda de prensa Roberto Mera, secretario de política municipal da executiva do BNG. Mera opinou que as deputacións "tampouco cumpren a súa teórica función de racionalizar a vida municipal galega mediante a prestación de servizos complementarios a concellos pequenos".

Sobre o mesmo asunto, Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG, explicou que "a administración autonómica non está obrigada a adaptarse á división provincial". Aymerich salientou que "a Constitución establece a provincia como tal só para as eleccións ás Cortes, polo que as eleccións autonómicas poderían optar por outro tipo de circunscrición". Nese sentido, lembrou que o Bloque introduciu no seu proxecto de Estatuto para Galiza a proposta de creación de áreas metropolitanas nos contornos urbanos e comarcas nos rurais, como alternativa de institucións intermedias entre os concellos e a Xunta: "estas pasarían a ter entidade política, competencias propias e funcionamento democrático, a diferenza das actuais fundacións comarcais".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: