Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO AMBIENTE NEGOCIA COS CONCELLOS UN "PACTO DA AUGA"

Galiza precisa investir cen millóns de euros para corrixir o défice na depuración de augas residuais

Tres meses de prazo se dan a consellaría de Medio Ambiente e a Federación Galega de Municipios e Provincias para acadar o que o conselleiro Manuel Vázquez cualificou de "gran pacto da auga", imprescindíbel na súa opinión para "evitar futuras sancións da Unión Europea" coma é o caso da recente condena que os tribunais europeos fixaban pola contaminación das augas na ría de Vigo. De xeito inmediato, vinte e un concellos galegos de máis de 2 mil habitantes sen depuradora de augas residuais precisarán dun investimento conxunto duns 100 millóns de euros.

- 07:27 15/02/2006
Tags:

As prioridades foron explicitadas na xuntanza que este martes tiveron o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e Xosé Crespo,s presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, para tratar da comisión mixta que no marco do Pacto Local, se constituirá para tratar dos temas vencellados co medio ambiente.

"Soamente repartindo cargas se poderá, entre todos, garantir que as rías e os ríos galegos estean en condicións", advertiu o conselleiro chamando á colaboración estreita entre as administracións autonómica e locais. Alén desa necesidade urxente de dúas ducias de concellos que verten as súas augas sen depurar, Vázquez destacou as obras de saneamento que se acometen nas grandes cidades, e referiuse de xeito específico á depuradora de Vigo, "un proxecto que o Estado está estudando declarar de interese xeral co fin de asumir a meirande parte do investimento", nun proxecto que ten un custo inicial estimado nuns 250 millóns de euros, "máis que un gran hospital", subliñou Manuel Vázquez.

O conselleiro tamén recoñeceu a necesidade de definir axiña un novo modelo de tratamento de residuos sólidos urbanos, cunha nova planta de procesamento, laiándose das eivas actuais, con 850 mil toneladas xeradas en toda Galiza e unha capacidade para tratar só arredor de 500 mil toneladas. Desde a administración galega acolleuse tamén de xeito favorábel a petición da Fegamp de ter representación municipal na xestión da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Sogama, e no organismo Augas de Galiza.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: