Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O GOBERNO ESPAÑOL AFIRMA A SÚA PREFERENCIA PORQUE CAPITAL ESTATAL CONSERVE O CONTROL DA ELÉCTRICA

A entrada da alemá E.ON mantería Reganosa e a térmica das Pontes en Endesa

Inicialmente, e segundo a estratexia explicada este martes en Madrid por Wulf Bernotat, presidente da empresa alemá E.ON, de facérense con Endesa non procederían á venda de activos nin á reestruturación do seu cadro de persoal máis alá do que o propio equipo actual da eléctrica puidese ter previsto até agora. Lembrámoslles que diante do novo escenario que se abría coas condicións impostas polo goberno español a Gas Natural para a adquisición de Endesa, o goberno galego vía positivamente a posibilidade de que capital galego se fixese coas cotas galegas da empresa.

- 07:37 22/02/2006
Tags:

A que sería unha das maiores operacións de compra dunha empresa de servizos públicos na historia, crearía un xigante enerxético europeo cuns ingresos estimados no contorno dos 75 mil millóns de euros. No último ano, a suma das cifras de Endesa coas as da alemá E.ON acumula máis de cincuenta millóns de clientes repartidos en máis de dúas ducias de países. Para E.ON, que mantén importantes cotas de mercado en Europa central e nos países nórdicos e ten presencia nos EEUU e no Reino Unido, a adquisición de Endesa daríalle entrada ao cobizado mercado do sur de Europa e de Latinoamérica, con presencia directa en Brasil, Arxentina ou Chile, e unha demanda de consumo crecente nos últimos anos.

Desde E.ON non agardan obstáculos a nivel da Unión Europea para esta operación, xa que a cota de mercado conxunta na UE queda no 10% e, se cadra, só serían necesarios axustes en Italia, onde as dúas empresas teñen posición de privilexio no mercado enerxético. Bernotat subliñou ademais a marxe de manobra e a independencia que Endesa conservaría a nivel estatal e no deseño estratéxico do posicionamento en América Latina. Malia iso, desde o goberno español, que conserva o seu dereito de vetar a operación, advirten a preferencia por que Endesa permaneza en propiedade de capital do ámbito estatal.

Touriño asegura que a Xunta segue de preto a operación
"Reganosa é unha iniciativa asegurada e con risco cero", subliñou este martes o presidente da Xunta ao respecto da nova situación creada coa OPA de E.ON, insistindo en que está "enmarcada dentro dos plans enerxéticos e do sistema gasístico español e está plenamente asegurada independentemente das OPAS".

Emilio Pérez Touriño dixo estar seguro de que os proxectos enerxéticos de Galiza "non se verán prexudicados polos movementos que se están a rexistrar nos mercados". Ao fío asegurou que o bipartito mantén "un seguimento intenso e activoe un alto nivel de interlocución para garantir os proxectos enerxéticos, o emprego xerado polo sector e o mellor futuro do mesmo".

Última hora na prensa económica: Cinco Días e Expansión.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: