Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NAS VÉSPERAS DO 8 DE MARZO TOURIÑO TAMÉN ANUNCIA A TRAMITACIÓN DA LEI GALEGA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A Xunta primará as empresas construtoras de vivenda pública que contraten mulleres

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou esta mañá en Santiago na inauguración das xornadas Mulleres e Poderes. Reflexións sobre mulleres e liderado, que o Goberno vai primar as empresas que opten á construción de vivenda pública, que contraten mulleres. Será a consellaría de Vivenda a que presente a próxima semana o borrador do prego de condicións, dirixido ás empresas que queiran contratar obra pública para a construción de vivendas protexidas, que terán máis opcións cantas máis mulleres contraten. Ao mesmo tempo Touriño anunciaba, noutro acto dedicado ás mulleres, que o proxecto de Lei Galega contra a Violencia de Xénero será remitido ao Parlamento o segundo semestre deste ano.

- 18:52 05/03/2006
Tags:

Quintana fixo este anuncio na inauguración das xornadas 'Mulleres e Poderes. Reflexións sobre mulleres e liderado', que organiza o Servizo galego de Igualdade, dependente da Vicepresidencia, nun acto no que estivo acompañado polas conselleiras de Cultura e de Vivenda, Ánxela Bugallo e Teresa Táboas, pola secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán e pola directora do SGI, Ana Luísa Bouza.

No seu discurso inaugural, o vicepresidente, declarou que é a hora de cambiar a visión machista que aínda persiste en moitas esferas da vida pública e privada, porque "as mulleres tendes demostrado que, cando se vos da a oportunidade, o facedes mellor ca nós".

Anxo Quintana sinalou que a igualdade non é para a Vicepresidencia unha mera declaración de intencións, senón "un compromiso real polo que estamos traballar dende que chegamos ao Goberno". Como exemplo, sinalou que a Vicepresidencia ten entre os seus cargos o mesmo número de homes que de mulleres e o mesmo sucede co Goberno galego, que conta con idéntico número de conselleiras e conselleiros. Tamén destacou o compromiso do Goberno no feito de "residenciar as políticas de igualdade na Vicepresidencia e non nunha Consellería, co fin de resaltar o carácter transversal" destas políticas.

Lei Galega contra a Violencia de Xénero
Pols súa banda presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou hoxe que o proxecto de Lei Galega contra a Violencia de Xénero sexa remitido ao Parlamento o segundo semestre deste ano, "tras un intenso proceso de participación e elaboración", precisou. Estas palabras, pronunciadas no Auditorio de Galicia de Santiago no transcurso dun acto conmemorativo do Día Internacional da Muller, foron recibidas con aplausos polo numeroso público asistente.

A intervención de Touriño pechou a cerimonia de entrega de premios organizada pola Fundación Iniciativas 21, na que foron distinguidas 21 mulleres galegas pola súa especial traxectoria "cotiá" nos ámbitos empresarial, cultural, político, familiar, social e tamén persoal. Pérez Touriño gabou a súa experiencia, á que cualificou como "percorrido de reinvindicación e liberación", que "se converte en instrumento precioso de cambio e de futuro".

Na súa intervención, o presidente da Xunta recoñeceu que no camiño da igualdade quedan "moitos pasos por dar" e destacou que "a manifestación máis dramática da desigualdade é a violencia de xénero, a única forma de violencia que afecta á metade da humanidade". "Atrévome a afirmar que a violencia de xénero é a violación dos dereitos humanos máis elevada, más xeralizada e máis tolerada socialmente", censurou.

Neste sentido, manifestou a súa confianza en que a futura Lei Galega contra a violencia de xénero facilite que "o establecemento dun espazo social de seguridade para a muller fronte ás agresións" se converta "nun obxectivo ineludíbel". Asemade, recordou que xa no mes de marzo será asinado o protocolo de actuación interinstitucional contra a violencia de xénero, "que permitirá implicar a todas as administracións coordinadas, facendo unha fronte común".


0/5 (0 votos)