Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CULTURA PERDE A ESPERANZA DE ACADAR MÁIS PODER EN MATERIA AUDIOVISUAL

A Presidencia da Xunta queda finalmente co CGAI

Logo de sete meses de pugna entre a Consellaría de Cultura e a Secretaría Xeral de Comunicación -dependente de Presidencia-, Fernando Salgado conseguiu ao final que o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) pase a depender do seu departamento, malia haber un acordo previo polo que esta entidade nun principio quedaría ao abeiro da consellaría de Cultura. O BNG perde así un importante foco de poder na política audiovisual, dado que os dous partidos tiñan plans para facer deste organismo un buque insignia do sector. De feito Presidencia prevé sacar nos próximos días un decreto coa actualización das funcións do CGAI, aínda que de momento non se prevé a substitución do actual director, José Luis Cabo.

- 13:11 07/03/2006
Tags:

A historia do reparto da política audiovisual remóntase ao pacto de Goberno entre PSOE e BNG, polo que a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual pasaba de Cultura a Presidencia, e con ela en teoría os seus órganos adscritos, como o Consorcio do Audiovisual de Galicia e o CGAI. Por outro lado Cultura reservábase "unha consignación económica para axudas á creación, producción e divulgación cinematográfica, videográfica, audiovisual e multimedia, sen prexuizo das axudas que poida conceder a Secretaría Xeral de Comunicación ou a CRTVG". Malia isto, Cultura mantivo dende aquela a intención de que o CGAI volvese ao seu departamento, toda vez que o candidato de consenso a dirixilo, Manolo González, ía ser tamén o asesor desta consellería en materia audiovisual. E o certo é que ao final non puido conseguilo e, logo de que a Xunta por fin decretase o pasado xoves a estrutura orgánica da Presidencia, o CGAI fica definitivamente adscrito á banda socialista do goberno, tal e como lle confirma hoxe Fernando Salgado ao xornal Galicia Hoxe.

Dende a Secretaría Xeral de Comunicación non lle queren dar maior importancia ao feito de que o CGAI fique en Presidencia e remítenese ao acordo de Goberno, no que xa se daba por feito. En Cultura de momento tampouco farán declaracións ao respecto, así que polo de pronto o que veremos nas vindeiras semanas é cómo os dous departamentos acaban de definir as súas competencias e as liñas que porán en marcha para as axudas ao audiovisual. Nese sentido Cultura está a piques de sacar a convocatoria das axudas á produción, ao desenvolvemento de proxectos e o desenvolvemento de guión individual e ás curtametraxes. Nestas últimas prevese ademais un aumento importante da partida, xa que colaborarán as secretarías de Xuventude e de Igualdade, integradas na Vicepresidencia da Xunta, tamén do BNG.

O que si parece claro é que esta victoria dos socialistas na loita polo CGAI permitiralles manter a cota de protagonismo adquirida nos últimos mese en materia cultural. Un exemplo diso foron as xestións realizadas por José Luis Cabo, actual director do CGAI e máis próximo a Salgado, para que a primeira muller de Cortázar cedese á Xunta boa parte do seu patrimonio audiovisual, unha cesión que se escenificou en París con Touriño ocupando as primeiras planas dos xornais.


0/5 (0 votos)