Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESDE O TERMALISMO ATÉ O TURISMO DE SAÚDE E A LITERATURA

Galiza como "país da auga", na Expo 2008 de Zaragoza

Galiza terá unha presencia destacada na Expo 2008 de Zaragoza, centrada na temática da auga e o desenvolvemento sostíbel. Os 350 m2 galegos compremerán toda a importancia histórica, económica, social, paisaxística, cultural e turística da auga para o país. Segundo avanzaron os responsábeis de Innovación e Industria, os retrousos do espazo galego serán 2.000 anos de historia, Auga: do ocio á riqueza, Auga para compartir, Paisaxes da auga e Gotas de arte.

- 18:12 07/03/2006
Tags:

O primeiro destes apartados centrarase na ampla tradición da hidroterapia e o termalismo en Galiza, dende a época romana –coas termas de Lugo como gran referente– até o esplendor actual do turismo de saúde na nosa terra, que ocupa o primeiro lugar dentro do Estado en canto a oferta balnearia e cun número crecente de instalacións dedicadas á modalidade de salute per acqua (spas) e talasoterapia (aproveitamento terapéutico da auga do mar).

Auga: do ocio á riqueza é un apartado centrado no pulo do turismo náutico na nosa terra, cunha ampla oferta en todo o litoral, así como do turismo de cruceiros e trasatlánticos. Tamén no papel trascendental que a pesca e o marisqueo teñen na economía galega.

O eixo titulado Auga para compartir ten que ver coa importancia de preservar este recurso fundamental, evitando a sobreexplotación dos mares e os ríos e promovendo o saneamento integral das nosas augas, así como a aposta polo I+D+i en ámbitos como o pesqueiro. Ademais, quérese salientar o feito de que Galiza conta con milleiros de muíños, elementos etnográficos de indudable valor que simbolizan ao tempo a cooperación entre as xentes para sacar partido a unha fonte de riqueza común.

Baixo o epígrafe de Paisaxes da auga lémbrase o interese medioambiental de espazos singulares abondosos en Galiza, caso das rías, os ríos, as fervenzas ou as lagoas. Aquí cobra protagonismo especial o Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como espazos intermareais –Umia/O Grove, por exemplo–, esteiros e mesmo bosques e fragas que, grazas á abundancia de recursos hídricos, florecen por diferentes recunchos do país.

Por último, Gotas de arte será un apartado dentro do pavillón de Galiza para a literatura e as artes plásticas relacionadas coa auga. Desde os versos fundacionais de Rosalía até as ilustracións de Urbano Lugrís, o pintor do mar. A chuvia como arte –con Compostela como icona central– será outra das ideas sobre as que pivotará a presenza de Galiza neste evento internacional.

O turismo, en Berlín

O turismo de saúde, o termalismo, o turismo cultural, as cidades e o turismo de natureza, entendidos como principais soniquetes do turismo galego, serán promocionados pola consellaría de Innovación e Industria na Feira Internacional de Turismo de Berlín (ITB 2006), o certame sectorial máis importante do mundo, entre o 8 e o 12 de marzo. O departamento que dirixe Fernando Blanco non esquece que só o 10% dos turistas estranxeiros que visita Galiza son alemáns.

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco Álvarez, xunto co director Xeral de Turismo, Rubén Lois González, visitarán o mércores esta feira e manterán contactos con varios touroperadores, entre eles TUI, considerado un dos máis importantes do mercado turístico internacional, así como Gebeco Reisen, Ibero Tours ou Dertour.

O obxectivo destes contactos, segundo remarca a consellaría, é "reforzar a presencia destes axentes na comercialización de Galiza como destino no mercado emisor alemán, o máis atractivo dentro de Europa polo seu gran dinamismo e pola alta capacidade adquisitiva dos turistas xermanos".

Galiza dará a coñecer os seus principais recursos turísticos, con especial referencia a produtos coma o turismo de saúde e o termalismo -recentemente asinouse un convenio entre Turgalicia e Balnearios de Galicia para a promoción desta oferta no mercado alemán, de gran tradición termal-, o turismo cultural –con especial fincapé no Camiño de Santiago–, as cidades e o turismo de natureza. Varias informadoras galegas especializadas, así como persoal da área de feiras de Turgalicia, atenderán os mostradores galegos, nos que haberá diferentes soportes promocionais en lingua alemá.

A ITB –Internationale Tourismus-Börse– reúne uns 10.000 expositores de 180 países de todo o mundo. Na pasada edición déronse cita nesta feira, ademais, un total de 7.285 xornalistas de 85 estados.

Reunión con E.ON

O conselleiro de Innovación e Industria aproveitará a viaxe para manter unha reunión con membros da directiva de E.ON, empresa que vén de lanzar unha oferta de compra sobre ENDESA. Fernando Blanco trasladaralles aos responsables da eléctrica alemá a preocupación do Goberno galego polas posibles repercusións desta operación en Galiza, así como o firme interese en que se manteñan os investimentos previstos por ENDESA, con independencia do resultado da OPA.


0/5 (0 votos)