Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA DA MULLER

Mulleres con diversidade funcional

"Maiores taxas de desemprego, salarios inferiores, menor acceso aos servizos de saúde, baixas porcentaxes de participación social, maiores carencias educativas, violencia de xénero, etc". (Libro Verde: mujer y discapacidad). O informe aprobado na Comisión de Dereitos da Muller do Parlamento Europeo di que case un 80% das mulleres con diversidade funcional (discapacidade) é vítima de violencia cun risco catro veces maior de sufrir violencia sexual. Un ano máis e os datos mantéñense. Un artigo de Marisol Bravos.

- 11:19 08/03/2006
Tags:

Na conmemoración do Día Internacional da Muller 2006 tamén queremos reivindicar o cambio de terminoloxía e sumarnos así a proposta novedosa do Foro de Vida Independiente. As palabras levan asociadas ideas que representan valores culturalmente aceptados. Se queremos cambiar esas ideas, cómpre cambiar as palabras que as soportan. Non resulta fácil. Vexan un exemplo: a "Lei de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal" (Lei 51/2003) no Obxecto da Lei di textualmente: "A los efectos de esta ley, tendrán la consideración de personas con discapacidad aquellas a quienes se les haya reconocido un grado de minusvalía igual o superior al 33 por ciento. En todo caso, se considerarán afectados por una minusvalía en grado igual o superior al 33 por ciento los pensionistas de la Seguridad Social que tengan reconocida una pensión de incapacidad permanente en el grado de total, absoluta o gran invalidez, y a los pensionistas de clases pasivas que tengan reconocida una pensión de jubilación o de retiro por incapacidad permanente para el servicio o inutilidad". Sobran comentarios.

Os termos despectivos ou limitantes xogan un papel moi importante no mantemento da discriminación. A idea xeral é que formamos parte dun colectivo "menos-válido". A denominación derivada do modelo médico considera á persoa diferente como imperfecta e hai que rehabilitala para que chegue a patróns de "normalidade" que non existen. Mulleres con diversidade funcional pretende eliminar a negatividade e reforzar a esencia de diversidade. Coas mesmas necesidades que calquera muller realizamos as mesmas funcións, pero de maneiras distintas.

Posiblemente nestes días se fagan comentarios nos que aflore a parte sensible e reivindicativa. Está ben, pero non é suficiente. Nós queremos que nos "escoiten". Somos as grandes ausentes no marco de reflexión dentro das propias Asociacións de mulleres e nos medios de comunicación raramente aparecemos en cuestións positivas e relevantes. É necesario divulgar a nosa realidade sen distorsións e por en marcha iniciativas que promovan a igualdade de oportunidades. Loitamos por un novo modelo social que desprace o problema da diversidade funcional da persoa ao entorno. Non se trata de reparar ao individuo, senón a unha sociedade que non dá cabida a todos os seus cidadáns e cidadás.


0/5 (0 votos)