Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

A partir do mércores entra en vigor o 'salario da liberdade'

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou esta tarde no Parlamento galego a entrada en vigor, mañá mesmo, do chamado "salario da liberdade", que a Vicepresidencia pagará ás mulleres maltratadas. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a orde que regula a posta en marcha deste salario, coincidindo coa data desta xornada na que se conmemora o Día Internacional da Muller. Segundo Quintana, é a "homenaxe simbólica" da Vicepresidencia á causa das mulleres galegas, que é tamén a causa do Goberno galego.

- 18:52 08/03/2006
Tags:

A partir deste mércores xa se poden empezar a tramitar as solicitudes destas axudas, que segundo explicou Quintana, concíbense coma un instrumento destinado a facilitar a independencia económica das mulleres maltratadas, xa que precisamente a falla de autonomía económica é un dos maiores obstáculos que atopan estas mulleres para abandonar aos seus agresores.

Segundo explicou o vicepresidente no Parlamento, en resposta a unha pregunta do BNG, poderán solicitar esta axuda aquelas mulleres maiores de idade que residan en Galiza, que sexan vítimas de malos tratos e que carezan dos recursos suficientes para poder emanciparse dos seus agresores. Estas mulleres poderán acceder durante un ano a unha axuda, o salario da liberdade, que poderá chegar ata os 600 euros ao mes, dependendo de si os seus ingresos son maiores ou mais baixos que o Salario Mínimo Interprofesional.

Segundo os datos facilitados polo vicepresidente no Parlamento, a pesares de que o 93,4 por cento da poboación expresa o seu rexeitamento á violencia de xénero, só sete de cada dez galegos denunciarían si coñecesen algunha situación de malos tratos. Por iso Quintana asegurou que "debemos traballar para erradicar esta violencia da sociedade" e esta "permisividade social" actuando en campos coma a atención integral ás vítimas, a educación e a prevención.

Con este fin, a Vicepresidencia da Xunta conta nos orzamentos do 2006 cunha cifra histórica de 40 millóns de euros destinados á igualdade. Quintana sinalou que os fondos destinados especificamente a acabar coa violencia de xénero incrementáronse un 300% en relación ao ano 2005.

Lei Integral
O vicepresidente explicou ademais que a Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Vicepresidencia, comezou a mediados de febreiro os traballos para a elaboración da Lei Integral contra a Violencia de Xénero en Galiza, unha lei que o departamento que dirixe Carme Adán espera ter presentada na Cámara a finais deste ano e que será "unha lei participativa, que recolla as propostas e as demandas dos colectivos e asociacións de mulleres" e que sexa ademais un "verdadeiro instrumento para a loita e a prevención da violencia de xénero".

Ademais, o vicepresidente da Xunta referíuse a outras iniciativas que o Goberno galego ten en marcha, coma a firma do Acordo Galego pola Igualdade nos Medios de Comunicación, o pasado 6 de febreiro, conscientes do importante papel dos medios na promoción do rexeitamento social de actitudes de violencia machista contra as mulleres. Tamén, segundo dixo o vicepresidente, se lles vai a facilitar ás mulleres maltratadas o acceso á vivenda, xa que no recentemente aprobado Plan Galego de Vivenda as axudas previstas para a adquisición de vivenda protexida se verán incrementadas en 2.000 euros cando se trate de vítimas de violencia de xénero.


0/5 (0 votos)