Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
AGRICULTURA ECOLÓXICA, BANCA ÉTICA, COMERCIO XUSTO

Outra economía é posible

A Asociación para o Interese Solidario O Peto convoca unha mesa redonda co título "Experiencias de economía alternativa" na Galería Sargadelos compostelá, o mércores 15 de marzo ás 20:00. Ademais da organización, centrada na banca ética, participarán a asociación de comercio xusto Panxea e a cooperativa de produtores A Cesta da Saúde. As dúas teñen cadansúa tenda en Compostela, nas que ofrecen produtos elaborados con respecto polo medio ambiente e en condicións laborais e salariais dignas.

- 12:18 14/03/2006
Tags:

A Asociación AIS O PETO dispón dun fondo de solidariedade, que actúa a modo de banca ética, para prestar cartos (en forma de microcréditos) sen interese nin a esixencia de avais económicos a persoas que individual ou colectivamente, e co asesoramento técnico da Plataforma polo Emprego, teñan proxectos de autoemprego ou de creación de emprego.

Se cadra, moitas destas iniciativas na actualidade non se poder realizar ao teren o problema insalvábel de que os e as promotores/as precisan persoas ou entidades que avalen prestamos que ademais teñen sempre algún tipo de interese.

A banca ética é un sistema bancario de aforro alternativo onde os aforros non están paralizados: as persoas son prioritarias sobre o capital, e este non se multiplica, senón que se reparte. Financiado cos aforros das persoas asociadas, no Peto cadaquén pode mercar participacións de sesenta euros. Con eses recursos danse préstamos a xente que, normalmente, non ten posibilidades de acceder aos créditos da banca tradicional, como inmigrantes, mulleres que se emancipan ou parados de longa duración, por exemplo. Os proxectos son de autoemprego, exclusivamente, non para consumo particular: quen solicite un préstamo debe acodir antes á Plataforma Galega polo Emprego.

Panxea (Asociación para o Comercio Xusto e Solidario) naceu no 96 sen ánimo de lucro, co obxectivo principal de difundir e promover o Comercio Xusto en Galiza. Dispoñen dunha tenda en Gómez Ulla, e traballan en estreita colaboración con outros colectivos de Comercio Xusto galegos (dun xeito especial, coa Cova da Terra, de Lugo). Integrada na Coordenadora Estatal de Comercio Xusto, cunha ducia de persoas asociadas, a índa non teñen recursos abondos como para actuar como importadores en contacto directo cos produtores dos países do Sur, e reciben os produtos a través doutras importadoras que funcionan no Estado.

Mobilizan campañas coma "Roupa limpa", para loitar contra a enorme explotación feminina no sector téxtil, e organizan varios eventos informativos e lúdicos. Para que un produto poida ser vendido en Panxea, ten que estar garantido que na súa elaboración non houbo explotación infantil, funcionouse democraticamente e existiu igualdade entre homes e mulleres, as condicións de traballo e os salarios teñen que ser dignos, a relación comercial debe estar estabelecida a longo prazo, parte do prezo debe ser pagado por adiantado, as produtoras deben dedicar parte dos seus beneficios ás necesidades básicas das súas comunidades, teñen que se cumprir uns parámetros de calidade do produto e de información ao consumidor, e o proceso de elaboración ten que respectar o medio ambiente.

Pola súa banda, A cesta da saúde é unha cooperativa de produtores de agricultura ecolóxica e produtos saudábeis, queten tamén a súa tenda en Compostela (neste caso, na Rúa Ramón Cabanillas).


0/5 (0 votos)