Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'OPERACIÓN ENXAME'

Os Estados Unidos lanzan sobre Iraq a maior ofensiva aérea desde 2003

Mentres o Parlamento iraquí suspendía, tres meses despois das eleccións xerais, a súa primeira reunión sen elixir presidente, un comunicado divulgado polo exército dos EUA confirmaba o inicio da maior ofensiva aérea sobre Iraq desde a invasión do país en 2003. Na Operación Enxame, que durará varios días, intervirán 1.500 soldados, co apoio de máis de 200 vehículos e 50 bombardeiros que guindarán o seu cargamento sobre as "posicións insurxentes" de Samarra, escenario o 22 de febreiro do ataque contra unha simbólica mesquita xií. A vaga de violencia posterior entre sunís e xiís custou xa máis de mil mortos. "Trataremos de matar tantos terroristas como nos sexa posíbel", sinalou un voceiro do exército estadounidense.

- 18:40 16/03/2006
Tags:

A sesión inaugural do Parlamento iraquí foi suspendida este venres en Bagdad, sen coñecemento expreso dos parlamentarios ex novo das intencións do exército estadounidense. A elección do presidente da asemblea fracasou por falta de acordo. O deputado máis vello, o suní Adnan al Pachachi -ministro de Exteriores antes do Goberno de Saddam Hussein-, exhortou aos iraquíes a "amosar ao mundo que a guerra civil non se producirá. A nosa prioridade ten que ser acelerar os esforzos para formar un goberno de unidade nacional fóra das consideracións comunais e étnicas".

Nas eleccións do 15 de xaneiro gañara a Alianza Unida Iraquí, xií confesional, con 128 dos 275 escanos. A Alianza Curda, do presidente interino Ialal Talabani, obtivera 53 escanos, seguida do Frente do Consello Nacional suní, con 44. Despois, a Lista Nacional Iraquí, liderada polo xií laico Iiad Alawi, con 25 asentos.

Porén, as diverxencias mantéñense, e curdos, xiís laicos e árabes sunís séguense opoñendo ao nomeamento do xií confesional Ibrahim al Iafari para liderar o novo gabinete. Acúsano de tolerar -ou promover- a existencia de escuadróns da morte nos territorios da minoría suní. Al Iafari dixo confiar en que o novo Executivo estea formado antes dun mes, pero as previsións agora son outras.

Como en Faluia?

O comunicado do exército estadounidense precisa que a procura do obxectivo principal "durará varios días". O voceiro castrense Stan Lavery sinalou que a operación, focalizada no triángulo suní da provincia de Salaheddin, tratará de "inutilizar as armas da insurxencia, e capturar e matar tantos terroristas como poidamos".

O exército estadounidense xa protagonizou ataques frontais contra posicións resistentes da minoría suní na provincia de Ambar e, con persistencia, na cidade de Faluia, sen éxito. Moitos dos ataques da insurxencia contra a coalición atribúenselle ao xordano Abu Musab al Zarqaui, vencellado a Al Qaeda. Ofrecen por el 25 millóns de dólares, a mesma bolsa que pagarían por Osama Ben Laden.

Máis información nas webs da BBC e en Al Iasira.


0/5 (0 votos)