Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIRECTORA DA COMPAÑÍA 'A FACTORÍA TEATRO'

Cristina Domínguez será a nova directora do CDG

Tal como anunciara a semana pasada Luís Bará ao dar conta da demisión de Ánxeles Cuña, o Consello Reitor do Igaem nomeou hoxe a súa sucesora á fronte do Centro Dramático Galego. Será Cristina Domínguez, até o momento directora da compañía A Factoría Teatro e tamén profesora a na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. A escolla de Domínguez (Pontevedra, 1965) supón continuar coa liña proxectada para o CDG cando se nomeou a Ánxeles Cuña, xa que se trata dunha creadora con grande experiencia na escena galega e tamén na xestión á fronte dunha compañía pequena. O seu traballo coa Factoría caracterizouse sempre pola experimentación coas tendencias máis contemporáneas, dentro do marco do teatro convencional.

- 14:15 17/03/2006
Tags:

Como directora, obtivo o Premio María Casares de Teatro 2002 á mellor dirección teatral por ‘Coitelos nas Galiñas’ (A Factoría Teatro) e o premio Pasarena 1999 de teatro de Logroño ao mellor espectáculo por ‘A viaxe de Lola’ (Alalá Produccións). Nesta edición dos María Casares, que terá lugar o vindeiro 28 de marzo, opta con ‘Tío Vania’ a dez galardóns, entre eles o de mellor espectáculo e mellor dirección.

A súa traxectoria inclúe tamén traballos de interpretación nunha ducia de espectáculos e outros tantos como directora, asinando nos últimos anos ‘O canto do Dime-Dime’, de Daniel Danis, ‘Tío Vania’ de Chejov, ou ‘Os Homes só contan ate tres’ de Antón Lopo. Realizou tamén dirección teatral en espectáculos de danza contemporánea e musicais, e publicou o libro Técnicas de expresión Oral. O uso expresivo da voz en Editorial Galaxia (2005).

Como docente, ademais do seu traballo na ESAD, ten impartido cursos na Aula de Teatro da Universidade de Santiago, en Espacio Aberto, en A Artística, na EGACI e en numerosas aulas de formación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: