Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 28 DE MARZO, FOLGA NACIONAL

Un sindicalista francés permanece en coma tras unha malleira policial

Villepin admitiu este luns a posibilidade de reformar o contrato de primeiro emprego (CPE)... unha vez aplicado. A resposta dos sindicatos, que ameazaran coa folga xeral se o primeiro ministro francés non retiraba onte o CPE, foi a convocatoria dunha folga nacional ou xornada de acción o 28 de marzo. Será o terceiro paro conxunto de traballadores e estudantes franceses en corenta anos, despois dos do 68 e os convocados para rexeitar o contrato de inserción profesional de Balladur en 1994. Pero o que máis preocupa agora ao Goberno francés, de cara á opinión pública, é a evolución de Cyril Ferez, o sindicalista da SUD que permanece en coma, con prognóstico "moi grave", tras unha malleira dos antidisturbios. Ao primeiro, o Ministerio do Interior -Sarkozy- filtrou que Ferez era "un borracho".

- 11:37 21/03/2006
Tags:

Da evolución de Cyril Ferez, en coma cun traumatismo cranioencefálico trala malleira recibida na manifestación do sábado, podería depender o actual crédito de Sarkozy, que asegurou que a estratexia policial consistía en "tolerar as provocacións", e até o éxito do CPE. En 1986, Mitterrand tivo que retirar unha reforma educativa pola morte dun rapaz. A única morte rexistrada en 1968 foi a dun home que caeu ao Sena, vítima do alcol.

Mentres, os estudantes manteñen a presión e acordaron mobilizarse este martes e o xoves. 3 de cada 4 universidades seguen pechadas, e 313 institutos de secundaria uníronse ás protestas. "Nada é posíbel sen a retirada do contrato, sequera para nós", remarcou Bruno Juillard, un dos rostros mediáticos do movemento estudiantil.

Villepin reúnese hoxe cos membros da UMP. O presidente do centrodereita que goberna Francia, Bernard Accoyer, declarou que na reunión deste martes "Villepin explicará qué pensa facer". Segundo Le Parisien, medita reducir o despido libre a 12 meses, obrigando á empresa a precisar as causas de despido no segundo ano de contrato. O ministro de Economía, Thierry Breton, sinalou que este "é o tempo da adaptación e o diálogo". O senador socialista Jean-Luc Melenchon avisou doutro 68 se non hai cesións gobernamentais. "Francia vive unha insurrección cívica porque os franceses rexeitan unha implantación sistemática do neoliberalismo", dixo.

Máis información en Libération e Le Monde.


Ligazóns

0/5 (0 votos)