Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROPOSTA DO PPdeG PARA INCLUÍR NO NOVO ESTATUTO

Todos os partidos a prol de que os emigrantes conten no financiamento

Alén da dispersión e o avellentamento o PPdeG introduciu este martes un novo criterio específico para a revisión do financiamento que recibe Galiza: o elevado número de emigrantes. Os populares apúntanse así a unha reclamación deica agora só apoiada polo BNG e mesmo subliñan que "a reforma do Estatuto ten que ter en conta que un 11% da poboación galega vive no exterior". Desde o PSdeG xa amosaron a súa vontade de sumarse á reivindicación, aínda que entre a brincadeira e o aviso, o voceiro socialista, Ismael Rego, preguntoulle ao PPdeG se "poden garantir que se a proposta sae adiante non van saír á rúa Rajoy, Acebes e Zaplana a recolleren sinaturas contra ela?".

- 07:45 22/03/2006
Tags:

"Máis de 300 mil cidadáns galegos viven no exterior, o 11% da poboación galega", subliñou o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, ao tempo que pedía na súa comparecencia no Parlamento que "os galegos residentes no exterior computen aos efectos de determinar o financiamento da poboación de Galiza". "Este feito diferencial de Galiza debe terse en conta para o noso financiamento", insistiu pedindo que os grupos parlamentarios consensuasen que se compute o número de galegos no exterior como criterio.

Ao respecto xa se referira o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, subliñando a vontade do Bloque de que a emigración galega poida ser criterio á hora de negociar o financiamento autonómico. Aymerich tamén lembrou a proposta dos nacionalistas sobre a posibilidade de que a emigración teña representación de seu no Parlamento. Sobre o asunto, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño amosou a vontade de chegar a un acordo aínda que deixou a proposta no caixón "para estudo", concedendo que "falarase diso cando sexa oportuno".

Touriño empregou centrou a súa intervención na vontade do bipartito de "substituír a política de favores por unha política de dereitos e de transparencia" e cualificou de "débeda histórica" o compromiso de Galiza cos emigrantes. Entre os destaques no seu discurso estivo o compromiso para a creación do rexistro da cidadanía galega no exterior, que entraría en funcionamento en xullo, "aproveitando o uso das novas tecnoloxías a través da rede". "Permitirá que todos os galegos, vivan onde vivan, poidan acceder a ese rexistro e ter acceso, en tempo real, a todas as iniciativas, a todos os proxectos do goberno da Xunta de Galiza", subliñou.

O PPdeG insiste en que haxa unha comisión parlamentaria de Emigración
De paso, Feijoo aproveitou para lembrar a petición do PPdeG para que se constitúa no Parlamento unha comisión de emigración "tendo como un dos principais asuntos a tratar nesta lexislatura a nacionalidade dos netos de galegos no exterior". Ao fío dese debate, os populares cren que sería necesaria "unha mellor xestión dos visados, xa que "os consulados non dan tramitado as solicitudes". O PpdeG tamén pide "a supresión dos cupos, introducidos polo actual goberno socialista, co que os netos de galegos no exterior ten limitado o seu dereito a acceder á nacionalidade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: