Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DO 22 AO 26 DE MARZO

Arrinca o II Play-Doc, que levará a Tui os mellores documentais de autor

Esta noite inaugúrase en Tui a II edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc. Durante cinco días esta cidade fronteiriza ofrecerá unha ollada aberta ao mundo grazas a iniciativa da Asociación Cultural Enfoques organizadora do festival. Dende mañá a noite e ata última hora do domingo o Teatro Municipal acollerá a proxección de trinta documentais da máis diversa procedencia e temática ofrendo unha oportunidade única para disfrutar dos mesmos. Algúns destes traballos chegan a Tui logo de ser galardoados en prestixiosos festivais coma o de Amsterdan mentres que outros se estrean en Play-Doc.

- 10:14 22/03/2006
Tags:

O festival conta este ano cunha trintena de convidados que estarán durante estes días en Tui para presentar os seus documentais, coma é o caso do iraní Alireza Ghani ou do israelí Ayal Avneri.

Ás proxeccións sumaranse outros eventos coma os concertos programados para a noite do venres e sábado na Sala Metropol, ou a charla que sobre o "Docu-mental" ofrecerá o venres pola mañá na Sala de Conferencias "Félix Rodríguez" na Área Panorámica Enrique Nicanor, Productor, director e experto de EAVE do Programa Media da U.E. así coma membro do xurado de Play-Doc.

Inauguración hoxe no Teatro Municipal de Tui

Este mércores ás 20h terá lugar no Teatro Municipal de Tui, no edificio da Área Panorámica o acto inaugural do segundo Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc No mesmo estarán presentes os Directores Xerais de Difusión Cultural e Audiovisual, Luis Bará e Manuel José Fernández Iglesias, respectivamente, o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Deputado de Cultura Jose Juan Durán.

A continuación e unha vez inaugurado oficialmente o Festival ás 21h, proxectarase o documental israelí A miña pequena paz que será presentado polo seu director Eyal Avneri. Nesta película, que compite na sección oficial de longametraxes, o protagonistas é Nadav, un neno de 12 anos, que tras presenciar un atentado terrorista dáse conta de que xa non se pode confiar nos maiores e decide que depende del mesmo para acadar a paz en Oriente Medio. Sen outras armas que a súa inocencia e a súa ambición e acompañado por Mai, unha nena palestina, e por un grupo de nenos extraordinarios, Nadav embarcase nunha viaxe cara ao máis profundo da realidade.

Hora e media despois, ás 22.30h, o público poderá disfrutar de A casa da miña avoa, unha película de produción galega na que o director Adán Aliaga indaga na peculiar relación que Marina, una nena de 6 anos, impulsiva e irreverente, ten con Marita, a súa avoa de 75 anos. A rancia educación á que a avoa somete á nena, provoca que esta se rebele non só contra ela, senón contra todo aquel que tente corrixir o seu comportamento. Ó longo de varios anos reconstrúese a vida e os costumes dunha familia, deixando ao descuberto emocións e conflitos. Este documental compite na sección oficial Atlántico.

O prezo das localidades para cada función é de 1€, podendo adquirir as entradas antes do comezo de cada proxección. Hai tamén á venda abonos polo prezo de 10€ que dan dereito a asistir a todas as proxeccións, e que inclúen un desconto para os concertos e unha consumición no Play-Doc Bar.


0/5 (0 votos)