Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIONISIA LÓPEZ AMADO, A NAI GALEGA DA PRAZA DE MAIO

Unha árbore por un fillo desaparecido

Durante os anos da dictadura arxentina, que se inicia co golpe de estado o 24 de marzo de 1976 e remata en 1983, desarticulouse a organización popular, social e cultural dun pais a través da organización dun plan criminal de eliminación dunha boa parte da cidadania seleccionada por motivos ideolóxicos, políticos, étnicos e relixiosos, a través da prisión, da tortura, o asesinato, a desaparición forzada, os "voos da morte", as cremacións, a sustracción de recén nacidos e o exilio forzado, ademais dunha destrucción deseñada do tecido productivo. Un balance de 30.000 desaparecidos, entre eles 576 cidadáns de orixe española, dos que 300 eran galegos. Un artigo de Ana Miranda.

- 20:37 23/03/2006
Tags:

"Porque a verdadeira perversión dos represores é que non só mataron ás víctimas senon que tamén se apropiaron do saber sobre o acontecido. E con esto prolongan o sofrimiento dos familiares que sobreviviron. Por eso hai que seguir derribando muros, no só os dos centros de detención, senon os da impunidade".

Juan Gelman*


Durante os anos da dictadura arxentina, que se inicia co golpe de estado o 24 de marzo de 1976 e remata en 1983, desarticulouse a organización popular, social e cultural dun pais a través da organización dun plan criminal de eliminación dunha boa parte da cidadania seleccionada por motivos ideolóxicos, políticos, étnicos e relixiosos, a través da prisión, da tortura, o asesinato, a desaparición forzada, os "voos da morte", as cremacións, a sustracción de recén nacidos e o exilio forzado, ademais dunha destrucción deseñada do tecido productivo. Un balance de 30.000 desaparecidos, entre eles 576 cidadáns de orixe española, dos que 300 eran galegos. Cúmplense 30 anos do inicio desa barbarie. Nunca o Parlamento Galego nen o Goberno galego condeou publicamente os feitos cometidos da dictadura arxentina, contra estes cidadáns galegos desaparecidos nen contra a vulneración dos dereitos humanos, a pesar das iniciativas políticas do grupos daquela na oposición, a pesar de iniciativas sociais e xudiciais como as que emprenderon a CIG e asociacións de dereitos humanos. Esta semblanza do perfil humano de Dionisia López Amado, Nai da Praza de Maio, nai dun galego desaparecido, pretende reabrir o debate da memoria histórica dos galegos desaparecidos hai 30 anos durante a dictadura en Arxentina, O tratamento institucional da diáspora e das nosas relacións co mundo tamén ten que ir en iniciativas novas que servan recuperar a dignidade e o valor como pobo, cara os seus cidadáns, os vivos e os mortos, os presentes e os desaparecidos e en especial cara o posicionamento oficial polo respeito dos dereitos humanos, como nación galega universal.

A galega da zona Norte
Dionisia López Amado, 78 anos en febreiro, natural de Cedeira. Chámanlle "a galega da zona norte", porque reside na zona de Tigre, no banlieu do Gran Bos Aires. Mediodia soleado na sua casa, mentras toma un mate fresco, escoitando o novo disco de Luar na Lubre. Emocionada, fala sen parar do pasado, coa forza da compostura de quen nunca se da por vencido. Vive a Guerra civil, da que a lembranza de presos e escapados, fíxolle pouso no seu sentir e actuar futuros, e en 1952, co temor dunha terceira guerra, a sua familia pide cartas de reclamo ao seu tio de Arxentina aonde marcha co seu fillo de cinco meses. Di lembrarse que existia un campo de concentración na praia en Cedeira, perto da fábrica de salazón. Leva en Arxentina unha vida normal de traballadora. Até que o 15 de maio de 1976 desaparece o seu fillo Antonio Adolfo Díaz López, fotógrafo de 26 anos xunto coa sua nora, enfermeira, ambos pertencentes ao Partido Revolucionario dos Traballadores (PRT). Daquela Dionisia estaba facendo os cimentos da sua actual casa. Paralizou as obras, paralizou a sua alegria iniciando unha camiño incesante, constante, implacable para loitar contra a impunidade e esclarecer as causas da desaparición do seu fillo.

Non esquencer o pasado pisado
Nunca recibiu un certificado de defunción pola desaparición de Antonio. Os desaparecidos son como pantasmas, como flores murchas que nunca se poden arrancar de todo, pero que tampouco se poden regar para que sobrevivan. Di que non sinte odio polo sucedido, por eso din dela os arxentinos "a galega que non sabe odiar", pois pensa "que o odio destrue ás persoas que defenden". Sinte desprezo, desprezo visceral, pero non odio. Só quere xustiza, como todos os familiares dos desaparecidos. Valora positivamente algúns xestos do Goberno Kirchner, máis considera que ten que presionar mais para que se abran xuizos pechados polas leis arrasadoras do pasado pisado, e continúen as causas abertas nos últimos dous anos, dende que o Congreso da Nación derogara as Leyes de Obediencia Debida y Punto Final, as chamadas leis do perdón, declaradas inconstitucionales en 2003.
Participa no 2004 no acto de homenaxe e creación do Museo da Memoria coa apertura da Escola Oficial da Armada Arxentina, a ESMA, o símbolo do horror, da detención e a tortura clandestinas durante toda a dictadura. Nese acto di que voltou a recuperar as bágoas, pensando que Antonio, poidera ter pasado por aquel lugar.

Non se cansa de denunciar a matanza e a tortura perversa que sacaba a dignidade con distintos métodos profundamente agresivos, e case sempre mortíferos, dende exemplos como arrancar as uñas, a sumersión en auga con descargas eléctricas, a introducción de fusiles a mulleres embarazadas, e un sinfín de atrocidades. Unha xeración comprometida destruida e gran parte da sociedade afectada pola impotencia, obrigada a ter que agochar a dor, por medo e por falla de liberdade. Desaparecidos físicos e desaparecidos psíquicos. Exiliados na dor no seu propio territorio.

Fundadora e ex Presidenta da Comisión de familiares de desaparecidos españoles en Arxentina, forma parte da asociación Madres de Praza de Mayo. Quere ser memoria viva do procedimento sistemático e xenocida das desaparicións vividas en Arxentina durante a dictadura militar entre 1976 e 1983, para contribuir a súa superación. A evolución debe acompañar o obxectivo de non querer esquencer e non socomber ao pasado pisado. Con ese obxectivo, considera que os métodos de loita deben modernizarse, mudar de métodos na denuncia, ampliando os campos de actuación de loita contra a impunidade non só cos desaparecidos, senon tamén con outras loitas. Dai a sua colaboración en todo tipo de movimentos en defensa dos dereitos humanos, de ahí a sua estreita relación con Adolfo Pérez Esquivel, e cos movimentos sociais do seu entorno máis próximo, en especial dos mais carenciados.

Neste momento vital considérase unha nai anárquica. De vez en cando vai á Praza de Maio, mais non coa regularidade de antes, por considerar insistentemente que hai que ampliar a presenza noutros foros. As suas palabras deixan entrever unha crítica non tanto contra o movimento do que é parte e que respeita profundamente, senon contra algunhas das persoas dirixentes, das que non quere dar nomes, pero ás que acusa de querer demasiado protagonismo e de moverse por intereses persoais. "A Praza de Maio ten contradicción co peso da fotografia", por iso prefiro acompañar as familias dos mortos do "gatillo fácil" -fenómeno cada vez máis frecuente nos bairros pobres, onde delincuentes atacan pola noite a persoas maiores que viven soas- que ir todos os xoves a Praza de Maio", afirma Dionisia. Segue a manter moita relación coas Madres de Uruguay, ali estivo cando o cambio do novo Goberno do seu admirado Tabaré Vázquez a quen lle agradece o xesto inicial de apertura dos centros militares de tortura da dictadura uruguaia.

Unha enferma de guerra
Leva o pano branco no bolso, o pano da denuncia, que saca ali onde acompaña a alguén, onde necesita, ali onde testemuña, ali onde ten presenza. Dende 1978 acompaña aos familiares nos xuizos, ás veces incluso ás casas, pois di que houbo momentos, sobre todo nos primeiros xuizos, que a presión era tan grande que moitas nais tiñan que vixilar a outras nais para que non se suicidaran.

Cando o seu fillo desapareceu, choraba tan profundamente que esquenceu de atender a sua outra filla, e cando veu que a meniña xa non comia nen ia a escola, deixou de chorar e a sua frustración pasou a outro método terapéutico, da dor e as bágoas, á dor unida a acción e aos conxuros. Considérase "unha enferma de guerra". A liberación da dor por todos os métodos é lícita e non admite crítica. Velai a resposta cando alguén lle chama "boca sucia", como din os arxentinos.

Recorreu cuarteles soa, durante moito tempo. Lembra como foi ver ao Capitán no Cuartel de Artilleria, e os soldados da guarda intimidárona pondo un fusil aos seus pes e deixándoa soa na garita para que se matara. Optou por fumar. Ergueu as mans e saiu caminando para que non lle dispararan, lonxe moi lonxe. A imaxe dunha muller coas mans en alto, saindo dun cuartel, na procura do seu fillo, escea que repetiu sistemáticamente ate o periodo democrático. Chegaba a casa cansa, soa, de noite. Non sabia, que as suas veciñas de Tigre facian garda, de casa en casa, ate vela chegar. Enterouse anos despois.

Di que un dos peores momentos desta loita foi cando se atopou con Alfredo Astiz, no Alto Comisionado de Nacións Unidas. Coñecido como "el ángel rubio", este asesino e torturador chegou a infiltrarse nas Madres ao principio da sua fundación facendo pasarse por un familiar de desaparecido.

Homenaxe, condea pública e resarcimento
Síntese galega culturalmente, nunca deixou de falar galego e de asistir aos actos da colectividade galega da que se sinte parte e quere participar, como o demostra coa sua presenza nos actos da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, "o único centro que defendeu a memoria do exilio", afirma, onde todo o mundo a escoita, especialmente os mais novos.

E no rumbo intimista deste sinxelo perfil, quero falar doutra desaparecida galega, Inés Ollero. E falo só destes dous casos de testemuñas vivas da loita contra a impunidade, pero co máximo respeito e lembrando como conxunto todos os casos de desaparecidos galegos durante a dictadura arxentina. Traballadora e estudante de Bioloxía de 21 anos, Inés foi detida o 19 de xullo de 1977 nun operativo realizado pola ESMA. e do seu pai, César Ollero, que segue con discreción a sua loita e que impresiona profundamente pola sua humildade e solidez, foi un sindicalista recoñecido, industrial inventor da xeladeira Turena, das motocicletas Teruelche, ate que en 1977 deixa todo "para adicarse a Inés", como di él. Asi chega co recurso e unha minuciosa investigación á Comisión Interamericana de Dereitos Humanos da Organización de Estados Americanos (OEA), que escolleu o caso de Inés Ollero para dar referencias de todo o andamiaxe da dictadura. Miudo, cos ollos verdes como mundos, segue loitando, con 86 anos, pola memoria e xustiza da sua filla, mentras que a sua muller decidiu invernar e esquencerse do mundo. César Ollero ainda ten humor para facer fermosos agasallos artísticos de espellos grabados con debuxos de Castelao

O vindeiro 24 de marzo cúmprense 30 anos do inicio da dictadura arxentina. En Galiza, o novo Goberno vai conmemorar o 2006 como Ano da Memoria. Esta memoria histórica tamén debe extenderse aos galegos e galegas desparecidos no mundo, como símbolo do compromiso cos dereitos humanos de forma universal. Por eso propoño que sexan obxecto dun acto de homenaxe, tanto no Parlamento galego, como lugar de representación da cidadania, e do dereito á liberdade, asi como polo Goberno, e que se realice unha condena da dictadura arxentina, trinta anos despois, condea que non se fixera polos Gobernos anteriores. Lembremos que tanto no ano 1997 como no 2003 os grupos parlamentares socialista e nacionalista presentaron propostas de condea e resarcimento dos familiares das víctimas galegas, e instaron a personarse nos xuizos da Audiencia Nacional contra militares arxentinos, cuestións que foron vergoñosamente votadas en contra polo Partido Popular. O Sr. Fraga non permitiu condear aquela dictadura, como tampouco condeou a dictadura española, da que foi parte. Lembremos para non esquencer. E fagamos algo. Traiamos a estes familiares de desaparecidos galegos, para que os galegos e galegos coñezan de primeira man a sua realidade poliédrica que non remata no noso territorio. Que poidamos escoitar, que poidamos axudarlles a que a sua dignidade teña un recoñecimento nun acto de homenaxe, en actos populares, nunha declaración institucional e parlamentar de condea da dictadura e da desaparición dos galegos e tamén en accións de resarcimento. Non ficar parados, non calar, eles nunca pararon nen calaron. Este pais novo tampouco pode facelo.

César Ollero segue, con certo vértigo pola calor mais cunha saude de ferro, como bon galego, como di él, dando charlas nas escolas para falar para que os estudantes poidan escoitar a memoria viva, e reuníndose cada semana cos organismos de dereitos humanos, disposto a comparecer nas novas causas que se van abrir este ano na Arxentina. Dionisia López rematou os cimentos da casa de Tigre. Pero non rematou sua forza infatigable, seu actuar enérxico e o rigor vital en defensa da memoria, da sua individual e da colectiva, sempre con ese sorriso e esa voz doce con acento de Cedeira.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: