Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GAÑADOR DO PREMIO '20 BLOGS'

Martin Pawley: "Agora non lles tes que explicar aos amigos o que é un blog"

O pasado 6 de abril o xornal gratuíto español 20 minutos entregou os seus premios 20 Blogs ás mellores bitácoras do Estado, escollidas polo público pero tamén por un xurado de expertos. Dentro das diversas categorías había unha que pasaba case desapercibida, a de Mellor blog noutras linguas constitucionais distintas do castelán. A ela presentáronse uns cantos galegos e entre os cinco finalistas quedaron 3: VA-CA, Mensaxe nunha botella e Días Estranhos. Aínda que os da VA-CA si que estiveron na final madrileña para ver se caía este premio "pequeno imperial", o que gañou foi Días Estranhos, unha das bitácoras decanas do cada vez máis vizoso blogomillo. Falamos co seu autor, Martin Pawley, tamén crítico de cine e colaborador de Vieiros, que non viaxou até Madrid porque non cría que lle fora tocar.

- 08:49 12/04/2006
Tags:

Vieiros: E cando se presentou ao certame víase con posibilidades de gañar?
Cando me apuntei/nos apuntamos ao certame, fíxeno/fixémolo coa intención de que houbera o maior número de blogs en galego participantes, e a ser posíbel en postos de cabeza, de tal xeito que algún chegara a estar entre os finalistas. No concurso de 20minutos o que contaba en principio era a votación popular, e o meu blog tiña por diante practicamente unha ducia de contrincantes, así que non tiña a máis mínima esperanza de verme como finalista. Ademais, co andar dos meses perdín por completo o interese por este tema, así que cando anunciaron aos cinco elixidos e vin que eu estaba na lista levei unha gran sorpresa. Nas nominacións nótase moito que malia todo fiáronse algo das votacións online, co cal eu estaba máis ou menos convencido de que gañarían os de "El Forat", que dos cinco eran os máis votados. Equivoqueime, claro.

Quen recolleu o seu premio? Xa se puxeron en contacto con vostede para facerllo chegar?
Nin idea, a verdade. É curioso, pero nin sequera me comunicaron por e-mail directamente a min que gañara un premio; imaxino que eran ben conscentes de que ía enterarme por outros medios. Como até onte non recibira noticias da xente de "20 minutos" fun eu o que contactei con eles. Vanmo mandar por correo postal, ese que leva selos.

Case tres anos de Días Estranhos dan para facer balance. En resume...
Tres anos, tres, feitiños o pasado mes de marzo. E en tres anos houbo de todo, porque o blog foi fundamentalmente un xeito de experimentar e de probarme a min mesmo, de demostrarme que era capaz de contar cousas e que podía amosar unha certa constancia á hora de escribir, ensaiando con maior ou peor fortuna en xéneros e formatos diversos (até haikus, que manda chover).

Que lle pasou pola cabeza o día que decidiu abrir o blog?
Lía blogs uns meses antes de crear o meu; eu era dos que deixaba comentarios e todo. En canto souben que crear un non era difícil, fíxeno; primeiro probei en Blogger durante uns días, e ao pouco tempo Víctor R. Ruiz ofreceume sitio en Blogalia, e alí fico encantado desde entón. Paréceme especialmente interesante a idea de ter un blog en galego nun portal no que practicamente todas as bitácoras están escritas en español.

Os seus posts son de temas variados: cine, literatura, comentarios políticos e de actualidade... cunha grande sensibilidade polos problemas sociais e de pobreza no mundo. A amplísima columna de links da dereita tampouco axuda a definilo... como o definiría vostede?
Realmente, defínese mellor polo que non hai: non hai noticias tecnolóxicas, tan frecuentes noutros blogs, nin funciona a xeito de "querido diario" virtual. O cine é unha paixón, así que foi desde sempre un obxectivo fundamental; a literatura e a música aparecen con certa frecuencia, sobre todo asociadas a cuestións de actualidade (un libro que se edita, unha efeméride, un concerto), pero non me sinto en xeral con vontade de escribir sobre novela negra en xeral, un supoñer, e porén si me peta escribir sobre cine africano ou sobre John Ford veña ou non a conto (aínda que para ser precisos John Ford sempre vén a conto). A pobreza no mundo, a SIDA, etc... esa clase de temas non son "un tema", son "o tema". Para calquera home ou muller de ben non pode existir outra prioridade que a de conseguir que o mundo sexa un lugar máis xusto, onde todos teñan a oportunidade de intentar ser felices, algo que non parece doado cando un non sabe onde vai durmir e que vai comer o día de mañá.

Hai xente que nos comentarios acusaba o seu blog de cursi. Deféndase.
Tamén hai quen pensa que son moi antipático. O de cursi nunca o cheguei a entender, e resulta difícil defenderse dunha acusación que un non comprende. O que si creo é que a xente ás veces confía nunhas estrañas regras de "cordialidade na rede" que non comparto según as cales non hai que afastarse xamais dun comportamento case monxil para non ofender a ninguén. Eu levo discutido no blog, e moitísimo, e sobre materias ás veces delicadas, con persoas que hoxe teño por amigos. En Internet, como na vida, dúas persoas poden levarse a matar un día, e ao seguinte son amigos da alma.

Mantén de xeito paralelo outro blog sobre cine, The Night of the Hunter, que está en español? Por qué esa escolla de idioma?
Na práctica case non houbo escolla de idioma. Abrín "the night of the hunter" coa intención de facer del unha grande caixa de reseñas sobre cine, compartindo nos "días estranhos" só aquelas máis importantes, ou as máis traballadas. A miña idea era escribir moito, e non quería que "días estranhos" se volvera monográfico. Ao final non escribín tanto (de feito, actualizo moi pouco), e hoxe por hoxe case todo o que sae na "noite do cazador" saeu antes en versión galega.

A partir do seu traballo no blog, sobre todo na parte cinéfila, foi chamado por diversos medios de comunicación (Vieiros, Radio Galega...) para exercer de crítico cinematográfico digamos profesional. Como o leva?
Lévoo marabillosamente, claro. En Galiza os medios dedícanlle moi pouca atención ao cine: basta ver o que acontece nos xornais, pois case ningún conta cun crítico claramente identificado, e non é porque falte xente que poida facer ese labor, senón porque aos que hai eses medios non lles dan a axeitada presenza. Non creo que cambien moito as cousas nese sentido, pero pola parte que me toca fareime notar onde me deixen.

Dende o nacemento da comunidade blogueira galega vostede estivo bastante implicado nela. Como valora a evolución do blogomillo neste tempo?
É espectacular. Se alguén nos conta hai tres anos, cando eramos vinte sendo xenerosos os que tiñamos blogs en galego, que hoxe a cifra andaría perto de dúas mil, non o creríamos. O cambio máis importante é que agora non lle tes que explicar aos amigos que é un blog antes de dicirlle que ti tes un. Xa forman parte da vida cotiá para aqueles acostumados a usar a rede.

Mirando cara ao futuro, como ve Días Estranhos dentro dun ano ou cinco?
Pois espero que siga igual que sempre. Os blogs non son, penso, unha moda efémera, se imos á verdadeira esencia do fenómeno: permitir que calquera usuario poida expoñer libremente as súas inquietudes, sen máis limitacións que as que lle sexan propias ao autor. As posibilidades técnicas son cada vez maiores, así que iremos vendo máis e máis recursos audiovisuais de todo tipo, pero iso non evitará que sigan existindo blogs nos que o peso recaia sobre todo na palabra, sen renunciar por suposto a todas as posibilidades que a rede ofrece, e en especial o recurso do hipertexto.

Sigamos de adiviños: o blogomillo seguirá con esta evolución?
Non creo que suba espectacularmente, polo menos a curto prazo. Boa parte da poboación galega apenas ten acceso a Internet, e iso non vai cambiar radicalmente nos próximos anos, así que para unha inmensa cantidade de cidadáns a creación dun blog resúltalles case imposíbel. Mentres esa situación non varíe, non creo que volvamos ter un despegue tan impresionante como o do 2004 e 2005.

Se existisen os premios Días Estranhos á bloguesfera galega, como os repartiría?
Hai moitas bitácoras en galego que pagan moito a pena, así que non é oportuno poñerse a facer un "ránking", pero vou citar tres. O blog en galego mellor escrito é, sen dúbida, o de Cesare, As túas balas, e non son eu o único que o di, así que tampouco teño moito mérito. Máis profesional, pero cunha xenialidade indiscutíbel, o de Xosé Manuel Pereiro, un dos mellores columnistas que hoxe temos, e non falo só de Galiza. E en español, o de Vendell, Una cuestión personal. O de Vendell é verdadeiramente prodixioso, e ademais, é de balde.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: