Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REXEITADA A INICIATIVA PARLAMENTARIA DO PPdeG

O debate da área metropolitana viguesa impulsa a revisión do papel das deputacións

Xesús Palmou, voceiro este martes do PPdeG na sesión do Parlamento para a que os populares recuperaron o proxecto de lei deseñado na anterior lexislatura para o impulso da área metropolitana de Vigo, acusou a socialistas e nacionalistas de rexerse neste asunto por "intereses partidistas" no canto de actuar en favor dos "intereses xerais e dos vigueses". O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, retrucoulle destacando que o debate sobre as áreas metropolitanas galegas non pode esquecer mirar como lle afectan ás deputacións, argumento subliñado desois polo voceiro do PSdeG, Ismael Rego, que insistiu en que o novo modelo territorial galego terá "consecuencias" para as deputacións provinciais.

- 10:15 18/04/2006
Tags:

"É o momento de pensar en clave de país e aparcar os electoralismos", propoñíalles o deputado do PPdeG Xesús Palmou a PSdeG e BNG na presentación do proxecto de lei para a área metropolitana de Vigo. Palmou destacou que alcaldes das tres formacións coincidisen na lexislatura anterior nun documento que agora o actual goberno pretenda revisar. Palmou gabou o protagonismo da actual alcaldesa de Vigo, Corina Porro, no proceso, e criticou que quen bloquease unha área metropolitana clave fose "o alcalde da Coruña, que evitou reunir á mancomunidade de concellos coruñeses ao respecto". "Vostedes non foron capaces de traer aquí unha lei e nós temos que traer a anterior", defendeu Palmou, comentando que "o proxecto do conselleiro de Presidencia foi rexeitado por todo o mundo".

Aymerich pide ser máis ambiciosos no debate
"Non sei se se decataron vostedes de que houbo eleccións e hai un novo goberno", dixo Carlos Aymerich dirixíndose ao popular Xesús Palmou, que intervira antes del, "hai un novo goberno con dereito e capacidade de exercer a iniciativa e que fará o que vostedes non quixeron facer nin enfrontarse no seu momento e agora traen aquí de xeito oportunista". "Afortunadamente, agora pódense facer máis cousas e máis ambiciosas ca antes", asegurou o voceiro nacionalista, chamando a comezar por modificar a definición das áreas metropolitanas coma entidades locais non territoriais, subliñando a súa calidade de entes territoriais.

Aymerich dixo que o proxecto que pretenden os populares contén "carencias importantes que non garanten un funcionamento claro da área metropolitana" e opinou que non existe unha delimitación clara das competencias que pode dar lugar a conflitos e duplicidades. Nesa liña, o deputado do BNG referiuse especialmente á relación entre áreas metropolitanas e deputacións, "debate clave", e preguntouse se neste contexto "ten sentido manter as deputacións?". "Nós cremos que non", subliñou, "pero vostedes evitan falar diso", acusou aos populares, insistindo en que o futuro neste escenario pasa por revisar a coordinación e o papel das deputacións ou directamente "suprimilas".

Rego di que o debate non pode separarse da novo modelo territorial galego
"A área metropolitana de Vigo será un elemento fundamental do novo modelo de territorio de Galiza", explicou na súa intervención o voceiro parlamentario do PSdeG. Ismael Rego opinou que nesa situación "é razoábel que de aí saian estratexias aplicábeis para o novo modelo territorial cara ao que vostedes non deran paso ningún".

Rego cualificou de falso consenso o acordo entre os concellos do contorno vigués: "os alcaldes querían a área metropolitana e vostedes ofrecéronlle ou isto ou nada, foi un consenso imposto, coma sempre". Ao tempo, insistiu en que a creación de áreas metropolitanas terá consecuencias para as deputacións que "non serán pequenas". Na opinión do deputado socialista "este goberno fixo máis en oito meses por Vigo e o futuro da súa área metropolitana que o PPdeG en 16 anos", e pasou a citar "a liberación da peaxe de Rande" da que subliñou que "terá unha incidencia clave na área", o "desbloqueo" do solo industrial para Vigo e a construción do novo hospital para a cidade. Ismael Rego acusou aos populares de "pretender dar a impresión de que non había tempo de tramitar o proxecto de lei no treito final da lexislatura anterior" cando segundo el o que aconteceu foi que o daquela vicepresidente primeiro da Xunta e agora líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, "bloqueou o proxecto".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: