Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UN ANO DAS MUNICIPAIS

Cara ás locais: En precampaña e con candidatos por definir

Unha das incógnitas electorais máis interesantes cara ás próximas eleccións municipais, que se celebrarán o próximo 27 de maio de 2007, é o redeseño electoral que pode saír das urnas na cidade da Coruña. A autoproclamación da man dereita de Vázquez como candidato para esa cita, e a rifa interna dos populares, con probábel escisión e candidatura independente do até agora voceiro municipal, debuxan un escenario complicado. Achegámoslles un resumo da situación e as estratexias nas sete cidades galegas. A primeira entrega A Coruña: primeira cita sen Vázquez.

- 13:31 24/04/2006
Tags:

A pouco máis dun cento de papeletas de perder a maioría absoluta hai catro anos, os últimos escándalos sobre os negocios da familia Vázquez parecían levar ao desastre ao PSOE coruñés, convertendo en clave a capacidade dos candidatos socialista e nacionalista de ofrecerlle ao electorado a visualización dunha alternativa conxunta fronte ao PPdeG.

A tradición política coruñesa convertera a Xosé Luís Méndez Romeu en sucesor natural de Francisco Vázquez para cando este decidise dar o paso da retirada. Chamado primeiro polo PSOE a asumir cargo en Madrid e requirido despois por Touriño para a consellaría de Presidencia, semella improbábel que con importantes proxectos botando a andar neste departamento, estivese en axenda a súa posíbel candidatura. Xa que logo, as circunstancias converteron a Xavier Losada en relevo ocasional para Vázquez logo da marcha do xa ex alcalde a Roma. Desde a dirección socialista coidáronse moito de tratar ao que viña sendo man dereita de Vázquez coma o candidato oficial para a próxima cita coas urnas, mentres cavilaban estratexia e alternativas posíbeis, coma a do delegado do goberno en Galiza, Manuel Ameijeiras. Así e todo, o silencio foi aproveitado por Losada para autoproclamarse candidato do seu partido para suceder a Vázquez, subliñándoo en todos os foros e entrevistas aos que asistiu. Con ese obxetivo desenvolve nestas semanas unha hiperactiva axenda para relanzar a súa imaxe e ofrecerse como garantía para a sucesión.

O BNG chega á cita coas próximas municipais nunha nova posición, logo de dobrar representación nos anteriores comicios e acadar seis concelleiros. A ese resultado chegou o partido co liderado de Henrique Tello, e o balanzo aparece como aval importante para a súa continuidade neste momento de inflexión. O Bloque é consciente do potencial na cidade herculina, onde o nacionalismo conseguira a alcaldía despois das primeiras eleccións da democracia e onde o propio BNG mesmo chegou a superar en voto aos socialistas nas eleccións autonómicas de 1997, ben é certo que iso fora no momento de maior fortaleza da formación e tamén de maior febleza do PSdeG. Tello xa reafirmou a súa vontade de ser o cabeza de lista do BNG e amosouse seguro da confianza do partido na súa persoa.

A revolta interna no PPdeG
Capítulo aparte é a situación na que o PPdeG chega a estas eleccións. Paradoxalmente, os populares fixeran os seus cálculos máis optimistas cara ao posíbel escenario sen Francisco Vázquez na alcaldía, conscientes de que era capaz de levarlles ampla cota do voto potencialmente conservador. Porén, o fracaso de Manuel Fraga na tarefa de acalmar as revoltas augas do PP coruñés é agora herdado por Núñez Feijoo, quen non deu tampouco paso ningún para tratar de buscar consensos no escenario local. O candidato nas últimas eleccións, Fernando Rodríguez Corcoba, mantén un belixerante enfrontamento co líder do PP provincial, Juan Juncal, quen conta coa confianza de Feijoo. A decisión da dirección galega do partido de lanzar coma candidato para 2007 a Carlos Negreira confirmou a intención de Corcoba de artellar unha candidatura independente.

O PPdeG aspiraba a xogar as mellores cartas posíbeis en 2007 sen Vázquez como rival. O último candidato e voceiro municipal, Fernando Rodríguez Corcoba, xogara as súas últimas bazas estes meses, sacando peito diante da dirección do partido, logo de que o apartaran dos postos de saída das listas coruñesas para as autonómicas. Denunciando a presunta marxinación ao PP comarcal nesa cita, Corcoba colleitou apoios e simpatizantes para a súa causa e mesmo chegou a insinuar posíbeis aventuras en solitario, despois de ter reafirmado a súa intención de ser candidato á alcalde polo PPdeG en 2007. Carlos Negreira, que fora número dous atrás de Fraga na lista provincial, home próximo a Feijoo e que mesmo soou como posíbel secretario xeral do partido para este novo treito do partido, foi finalmente o escollido de xeito oficial para intentar o asalto á alcaldía coruñesa. Ademais, e independentemente de que non puidesen dar o salto á maioría absoluta que lles garantise o goberno local, os populares aspiran a un premio non menor, que é a recuperación do poder na deputación provincial, conquista á que axudaría un significativo crecemento de voto na cidade.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: