Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E INVESTIGACIÓN

A terminóloga portuguesa Rute Costa fala en Santiago de cooperación internacional

A Sociedade Galega de Terminoloxía, en colaboración coa Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega, organiza a súa conferencia anual sobre "Cooperación en terminoloxía en contexto nacional e internacional". A terminóloga portuguesa Rute Costa, presidenta da Asociación Europea de Terminoloxía, será a encargada de abordar o tema. O acto terá lugar este martes, a partir das 17:30, no Consello da Cultura (Santiago).

- 07:35 25/04/2006
Tags:

Rute Costa, ademais de presidenta da Asociación Europea dende 2001 é tamén da Asociación Portuguesa de Terminoloxía, profesora da Universidade Nova de Lisboa, é especialista no traballo terminolóxico e terminográfico en formato electrónico. Ten traballado particularmente sobre os procesos de extracción automática de termos a partir do corpus.

É doutora en Lingüística pola Universidade Nova de Lisboa onde exerce como profesora nas materias de Terminoloxía, Lexicoloxía e Lexicografía e Lingüística e Informática e lingüística Computacional.

A súa actividade investigadora desenvólvese principalmente no Centro de Lingüística da Universidade Nova de Lisboa, na Unidade de Lexicoloxía, Lexicografía e Terminoloxía dende o que colabora en proxectos de terminoloxía e lingüística computacional de ámbito europeo e internacional. Precisamente Rute Costa aproveitará a súa estadía en Galiza para entrevistarse con outros especialistas das tres universidades galegas, así como con empresarios e técnicos que están a desenvolver ferramentas de procesamento técnico do corpus.

A conferencia da Sociedade Galega de Terminoloxía desenvolverase este martes 25 de abril, a partir das 17:30 horas, na sede do Consello da Cultura Galega, en Raxoi (Santiago).


0/5 (0 votos)