Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O PP DIXO QUE NON

E ao final o Europarlamento rexeitou o galego

A Mesa do PE (Parlamento Europeo), que preside o socialista Josep Borrell, rexeitou o emprego das linguais cooficiais do Estado a razón de sete votos contra seis. O que agora se elixía era o emprego da nosa lingua nas comunicacións da cidadanía, como paso previo á discusión do seu uso no pleno. Resólvese deste xeito o acordo xeral ao que chegara o goberno de Zapatero coa Unión, para que galego, catalán e vasco fosen oficiais nos órganos de goberno europeos.

- 16:50 27/04/2006
Tags:

Sobre esta decisión europea xa se manifestaron os representantes nacionalistas galegos e así Bieito Lobeira asegurou que a falla de tradutores é "unha escusa" e que dende o Parlamento Europeo se leva a cabo unha "cruzada contra o noso idioma". Lobeira defenda que non é certa esa escaseza e apunta que "en Vigo hai unha Facultade de Tradución na que se forma profesionais sobradamente preparados para resolver o problema". Ademais, dende a secretaría de Política Lingüística xa se realizou un estudo que demostrou que os tradutores da Unión están capacitados para levar a cabo a tradución en galego.

E dende este último departamento do Goberno galego considérase a decisión do Europarlamento "lamentable e inxusta" e apuntan que "a decisión tomada supón un paso atrás no recoñecemento dos dereitos lingüísticos da cidadanía", polo que a Secretaría Xeral non só tratará "que non teña carácter definitivo" senón que tamén se "traballará para tentar reabrir o debate co fin de garantir a pluralidade lingüística".

Tampouco os socialistas galegos quixeron deixar de pronunciarse sobre o resultado da votación e consideran que o líder do PP de Galicia debe dar "unha explicación urxente á sociedade galega polo lamentable voto" dos deputados populares na Eurocámara.

A responsabilidade desta negativa recae sobre os ombreiros do popular catalán Aleix Vidal Quadras, vicepresidente da Mesa, que atribuíu a "razóns técnicas" o seu voto en contra. Segundo Vidal Quadras xa son abondas as "dificultades da Eurocámara para cubrir os servizos de interpretación e tradución das linguas oficiais dos vinte estados da Unión". Pero o certo é que a raíz dun informe da Secretaría Xeral de Parlamento sobre a escaseza de intérpretes de galego e vasco e do 'efecto dominó' desta iniciativa noutros estados da Unión. Aínda así, o certo é que o emprego do galego, e tamén do catalán e do vasco, xa está permitido noutros organismos europeos como o Comité das Rexións e o Consello de Ministros.

O proceso para que fose posible a comunicación en galego no Parlamento Europeo leva xa case un ano ás voltas e a votación adiouse ata tres veces. Os comezos non foron sinxelos, xa qe o propio presidente da Mesa se pronunciaba nun primeiro momento en contra desa posibilidade xa que "non o permite o regulamento".

Dende o Levante a reivindicación da oficialidade das tres linguas minorizadas no Estado plasmouna o deputado de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Bernat Joan, que nunha das súas intervencións no pleno empregou como lingua a súa, o catalán, previa distribución do texto en versión inglesa entre os intérpretas da eurocámara. O daquela presidente do pleno, o portugués Manoel António dos Santos, prohibiulle a Joan continuar a intervención nesa lingua por razóns "claramente políticas e non técnicas" tal e como apuntou o eurodeputado catalán.


Ligazóns

1/5 (1 votos)