Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROXECTO DE LEI EN DEBATE

Xunta e PPdeG rifan pola "transparencia"

"Non introduce ningunha novidade", din desde o PPdeG sobre o proxecto de lei que a Xunta lle remitiu ao Parlamento e que segundo a análise dos populares "recoñece o acerto das diferentes normas vixentes actualmente, e reunifícaas nun único texto legal". Moi diferente é a avaliación desde o PSdeG, onde aseguran que esta lei "é un avance incluso a nivel estatal, e supón un antes e un despois na relación da Administración coa cidadanía" e acusan ao PpdeG de terlle "medo á transparencia incluso agora que está na oposición".

- 07:04 04/05/2006
Tags:

Din desde o grupo parlamentario do PPdeG que o proxecto enviado polo executivo galego á Cámara "limítase a recompilar nun único texto, con rango de lei, materias heteroxéneas reguladas ata o de agora en normas diferentes, que o propio bipartito está a recoñecer como acertadas". Segundo o voceiro adxunto do grupo popular, Manuel Ruíz Rivas, "o texto recoñece expresamente a vixencia desas medidas" establecidas no seu día polo goberno do PPdeG.

Ruíz Rivas asegurou este mércores que o texto elaborado pola Xunta deixa fóra do seu ámbito de control "numerosos entes e organismos que funcionan con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma", o que na súa opinión faría que "se trate dunha norma de escaso ámbito de aplicación, falta de rigor e de exhaustividade". Nese sentido, o voceiro das áreas de Presidencia e Administración Pública do PPdeG opina que a lei foi "concibida unicamente para darlle resposta a un compromiso electoral dos socialistas galegos que, baixo unha denominación grandilocuente, non introduce novidade algunha".

Os socialistas din que o PP "tenlle medo á transparencia"
Sobre o asunto falou na mesma xornada a voceira de Administración Pública do PSdeG, Beatriz Sestayo, quen insistiu en que a lei de transparencia responde á idea de que "unha cidadanía informada é unha cidadanía crítica", subliñando que esa situación "interésalle aos partidos progresistas" e insinuando que parece que "a cidadanía crítica é xusto o contrario do que lle interesa ao PP". "O PP tén medo dos avances que o novo goberno galego está impulsando, con cotas cada vez máis altas de participación cidadá", dixo a deputada socialista. Sestayo louvou que o texto arranxado polo executivo introduza "novidades nunca acadadas mesmo noutras comunidades autónomas", argumentando que entre outras cousas "é un avance incluso a nivel estatal en materia de contratación, participación, contratos públicos, principios de actuación das administracións, potenciación dos medios tecnolóxicos e telemáticos para garantir o acceso á cidadanía dos procedementos, especialmente aos sectores máis desfavorecidos; a eliminación absoluta de discriminacións directas ou indirectas na relación coa Administración e na publicidade dos procedementos administrativos".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: