Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG FARÁ PÚBLICAS EN XUÑO AS CANDIDATURAS PARA AS MUNICIPAIS

Cacharro está listo para o pulso con Barreiro

"Debe andar moi ocupado, porque até é difícil coincidir con el", dixo o presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro, sobre o presidente provincial do PP, Xosé Manuel Barreiro, co que confesou que non fala desde hai meses. Nos micrófonos da Cadena Ser, Cacharro amosouse sorprendido pola anunciada intención de Barreiro de competir con el por ocupar o sillón diputacional despois de que semellase que "a súa traxectoria política se dirixía cara ao ámbito autonómico".

- 06:55 08/05/2006
Tags:

Confirmando a súa intención de repetir nese cargo, Cacharro insistiu na necesidade de que o PPdeG celebre un congreso provincial en Lugo, subliñando que de non facerse en 2006 acumularíanse xa seis anos sen esa cita. Ao respecto da candidatura para a capital luguesa, onde o PPdeG quere presentar ao ex alcalde García Díez, ao que el mesmo se enfrontara, pediu a convocatoria ddunha asemblea local, "equivalente a un congreso" para a constitución de xuntas e comités locais, opción que segundo el xa propuxeran no seu día desde a dirección do partido.

Francisco Cacharro lembrou tamén que a cita das eleccións municipais será "directa ou indirectamente" unha "proba" para o novo presidente do PPdeG, explicando que "a forma en que funcione a organización, as respostas que dea, o programa que ofreza e as iniciativas que presente" serán claves onde Alberte Núñez Feijoo asumirá a "responsabilidade". Sobre a súa propia continuidade á fronte da Deputación e a intención da dirección popular de apartalo, Cacharro opinou que "o concepto de renovación acostuma a ser unha argucia para que unha xente desprace a outra e acceda a determinadas posicións".

Por outro lado, o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, aproveitou outro foro radiofónico, o de Radio Nacional de España, RNE, para avanzar a súa intención de que os candidatos do partido nas sete grandes cidades galegas se coñezan a finais de xuño, antes de que o PP a nivel estatal inicie ese proceso. Feijoo tamén se referiu á fronte aberta en Lugo para o partido, asegurando que no pulso entre Barreiro e Cacharro será o comité provincial o que decida e faga unha proposta cun resultado que necesariamente asumirá o comité rexional.

  • Lugo: factor Orozco


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: