Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UN ANO DAS MUNICIPAIS

Ferrol: cara a un tripartito?

Está por ver en que sentido o PPdeG pode capitalizar en Ferrol a súa traxectoria estes anos na alcaldía. Doutra volta, BNG e PSdeG aspiran a recuperar espazo para volver ao pacto de goberno que até 2003 mantiñan. Nesas matemáticas terán moito que dicir Esquerda Unida, insinuando un inédito tripartito municipal, e os Independentes de Ferrol, o partido do ex conselleiro Juan Fernández, aspirante a quitarlle o liderado do sector conservador ao PPdeG.

- 12:39 10/05/2006
Tags:

Os cambaleos preelectorais que en 2003 axitaran a vida política ferrolá convertiron paradoxalmente a Juan Juncal en alcalde da cidade aínda experimentando os populares unha forte caída en porcentaxe de voto e perdendo dous asentos municipais. A baixada do resto de partidos e o ascenso dos Independentes de Ferrol, con Juan Fernández á fronte, facilitaron o pacto de goberno entre estas dúas formacións. Neste tempo Juncal foi quen de desafiar a Manuel Fraga e derrotar a candidatura para a dirección provincial coruñesa que chegaba coa beizón do patrón popular. Posteriormente Juncal achegouse a Alberte Núñez Feijoo, e máis feijoista que Feijoo, despregou unha inédita agresividade na campaña da sucesión que lle fixo gañar non poucos inimigos no partido.

E froito deses enfrontamentos podería derivar unha das ameazas que afronta desta volta o PPdeG en Ferrol, a aparición doutra candidatura independente que aspire a apañar voto no mesmo espazo electoral que teoricamente lle vén concedendo o apoio aos populares. O seu manifesto enfrontamento co voceiro municipal coruñés do PP, Fernando Rodríguez Corcoba, podería propiciar que o experimento fóra do paraugas popular co que cavila éste na cidade herculina se exportase tamén a Ferrol. Alén diso está o papel de Juan Fernández, quen logo de dobrar representación no Concello en 2003, desputándolle o segundo lugar en votos ao BNG, manexa agora a posibilidade de presentar lista baixo as siglas dalgunha das novas formacións centristas, caso do Partido Galeguista.

Fronte ao posíbel escenario de pacto da esquerda, o BNG aspira a reforzar a súa condición de primeira forza cara a ese espectro do electorado, acelerando a recuperación da formación despois da perda do poder en 2003. Con Xaime Bello saído da política local para exercer a vicepresidencia da deputación provincial, está por ver quen pilotará a candidatura do Bloque nesa cita de 2007. Hai tempo que soara a posibilidade de Xosé Luís Barcia, delegado da consellaría de Innovación, pero na carreira final destácanse os concelleiros Xaquín Ros e Xoán Xosé Pita como posíbeis nomes para o asalto á alcaldía.

Para o intento de desembarco na alcaldía ferrolá, os socialistas pensan nunha estratexia portuaria ao xeito da impulsada para Vigo, e que en Ferrol construiría a lista electoral arredor da candidatura de Vicente Irisarri, presidente de Portos de Galiza. O PSdeG chegará a 2007 como terceira forza en canto a voto despois das últimas municipais, aínda que coa esperanza engadida de recuperar o voto que catro anos antes marchara para Acción Cidadá Ferrol, a formación creada por Bonifacio Borreiros logo de ser expulsado do partido e que a piques estivera de resolver o pulso con éxito quedando ás portas da representación.

Factor importante será a reaparición no escenario electoral de Esquerda Unida, insinuando un hipotético pacto poselectoral con nacionalistas e socialistas. Apenas unha presa de votos apartaran o partido da representación municipal en 1999, pero o descenso de BNG e PSdeG en 2003 coincidiu co salto de IU-EU en Ferrol, dobrando a súa porcentaxe de votos. Contan ademais coa proxección da súa concelleira Iolanda Díaz, que á vez é coordinadora xeral de Esquerda Unida en Galiza e que foi cabeza de cartel da formación nas pasadas eleccións autonómicas.

Opina nos foros de Vieiros

Anteriores:

  • Pontevedra: reorganización da oposición na praza forte do BNG
  • Lugo: factor Orozco
  • Santiago: exemplo de pacto
  • Vigo: o lastre do pacto que non puido ser
  • A Coruña: primeira cita sen Vázquez
  • Ourense: a última maioría absoluta do PPdeG en ceder?


0/5 (0 votos)