Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A SERIE FEITA POR CHANTADA CHEGA ÁS SÚAS PANTALLAS

Estréase 'Cabodomundo', a primeira serie de televisión comunitaria en Galiza

Este venres 12 de Maio, ás 12:30, o Hotel Mogay da Rúa Antonio Lorenzana, en Chantada, presentouse en rolda de prensa a primeira serie de ficción para a televisión local galega: Cabodomundo. O proxecto naceu da tese de doutoramento da xornalista Comba Campoy, e iniciouse a finais do 2002. Ao longo de moitos anos de traballo totalmente voluntario de máis de 50 persoas, seis capítulos son o resultado dun proceso de creación, gravación e produción que integrou aos veciños da vila. Agora emítese a primeira serie de ficción producida para unha televisión local en Galiza: a emisora de Chantada, Televinte, emitirá o primeiro capítulo de Cabodomundo o vindeiro martes 16 ás 22:30 horas, despois do seu programa estrela: o Telenovas.

- 12:24 14/05/2006
Tags:

O Hotel Mogay de Chantada foi o lugar elexido polo colectivo Cabodomundo para a presentación da serie que leva o mesmo nome: os protagonistas- os personaxes de ficción e os actores que os encarnan- presentaron o proxecto de xeito oficial, e desde a súa experiencia de primeira man. O Colectivo Musical Autónomo, creador da banda sonora da serie, pechou un acto no que tanto a ledicia polo traballo ben feito coma o baleiro que deixa o rematar un proxecto levaron a un bo brinde con Ribeira Sacra.

Tras tres anos de traballo o proxecto Cabodomundo finalízase de xeito satisfactorio. A serie será emitida a partir do martes 16 pola cadea de televisión local que apoiou o proxecto desde o principio, Televinte, en horario de máxima audiencia. Estúdase a futura emisión a través doutras televisións locais galegas. Ainda que a serie foi creada para o público chantadino, os seus promotores consideran que o seu tratamento local de conflitos e personaxes universais faina perfectamente asumíbel para o público galego en xeral, e mesmo de outras comunidades.

O argumento da serie non é máis cá viaxe dun heroe en busca da súa identidade, que irá descubrindo a medida que se adentra no novo mundo que se lle presenta á súa chegada a Chantada e á ribeira do Miño. Javier Álvarez interpreta a un "xornalista" que chega a Chantada para negociar a adquisición das terras altas da Ribeira Sacra para a construción dun parque eólico na vila. Pero pronto as cousas vanse complicar, empezando polos estraños anónimos que recibe, cun recorte no que aparecen dúas tumbas, a de Luís Franco e a do Piloto. Unha moza (Rebeca Cedrón) que quere levar adiante a Festa das Barcas do Miño. Un adegueiro (Primitivo Lareu) que loita para conseguir os fondos do Plan Leader e poder montar unha cooperativa. Un grupo Bravú na procura da súa identidade nun medio hostil… Estas e outras historias técense cun submundo de xacias, lavandeiras, ánimas en pena, meigas e outros seres que se entrelazan cos humanos. Porque a existencia dun mundo máxico fai que o real xire, que sexa máis real.

"Estamos diante dun momento de redefinición do papel das televisións locais.", afirman dende o equipo. "Coa transición á tecnoloxía dixital, a multiplicación das canles vai obrigar ás empresas televisivas a buscar unha oferta diferenciada. Nese sentido, o principal valor que poden achegar as canles locais é a proximidade ao cidadán." Sosteñen que, coa proximidade como valor, "Cabodomundo" quere ser unha proposta doutro xeito de facer televisión máis próximo á xente e á cultura local. Unha televisión feita por e para os espectadores, paliando a escaseza de medios con imaxinación e frescura.

A orixe da serie proposta polo Cabodomundo está en Chantada. Responde a un proxecto de investigación-acción participante, a un modelo de televisión comunitaria implantado xa noutros países, no que a cidadanía accede aos medios de produción. O proxecto alimántase da idiosincrasia cultural chantadina, do rescate da súa memoria, e está feito de xeito voluntario polos propios veciños.


0/5 (0 votos)