Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IMPULSO Á ENSINANZA PÚBLICA

As galescolas achegan 5.500 novas prazas ao ensino infantil da Galiza para o próximo curso

A Vicepresidencia vai por en marcha da Rede Galega de Escolas Infantís Galescola, que garantirá a 14.089 pequenas e pequenos de 0 a 3 anos o acceso público ao primeiro ciclo da educación infantil en galego para o vindeiro curso, o que suporá un incremento de case 5.500 prazas respecto de 2005. Ademais, este novo tecido educativo propiciará emprego directo a 990 profesionais e contará cun investimento de 29 millóns de euros para que o proxecto funcione xa en 2007 de forma efectiva.

- 07:08 16/05/2006
Tags:

A nova dotación de garderías públicas vai facilitar o primeiro contacto das galegas e galegos co ensino. Segundo os datos que manexou o vicepresidente da Xunta, o incremento de prazas dispoñíbeis no 2007 con respecto ao curso pasado será dun 63,8 por cento, o que traducido, acadaría un aumento de 5.490. Esta iniciativa pretende minguar a fenda que existe entre as distintas zonas da Galiza no que se refire ao acceso á educación para equiparar o acceso ao ensino, é dicir, impulsar o rural para polo ao nivel do urbano

Xa noutro plano, as Galescoalas van seguir tamén coas estratexias de cooperación coas administracións que está creando o departamento dirixido por Quintana tralo convenio asindado entre o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar e a Fegamp. Ao respecto, no proxecto Galescola xa se indica a intención de colaborar co sector empresarial e por ao dispor das empresas de máis de 400 empregados unha escola infantil nas súas instalacións, así como nos centros hospitalarios de toda Galiza en colaboración co Sergas.

Por provincias, a Rede Galega de Escolas Infantís creará en toda Galiza un total de 99 novos centros para a educación infantil, 31 delas están na Coruña, 12 na de Lugo, 12 en Ourense e 31 no que atinxe a Pontevedra. Ademais das escolas, crearanse tamén 13 Puntos de Atención Infantil (PAI) para axudar na xestión e no desenvolvemento do novo tecido escolar da Galiza.

O maior aumento de garderías públicas realizarase nesta última das provincias galegas, Ourense, xa que contará no curso que vén cun 75.2% máis destes centros educativos, o que serían 1.872 prazas de nova creación, pasando a contar con 4.363. Ademais, contarán cun investimento de 10 millóns de euros.

Séguelle en porcentaxe Ourense, que verá aumentada a súa rede de escolas infantís nun 71.5% ou 1.328 prazas. No que se refire ao financiamento, a Xunta investirá 4.5 millóns de euros. Deste xeito, as ourensanas e ourensanos que incien os seus estudos no curso que vén serán un total de 2.277 os que poidan optar aos novos centros públicos. A terceira provincia por orde de aumento de prazas é Lugo, que incrementará o seu número de garderías nun 58.4% e 1.288 novas prazas para o 2007, co que pasará a dispor de 2.040 prazas de ensino infantil público. Axudará o investimento de 4.4 millóns de euros para a consecución das 17 centros.

Por último, a Coruña contará con 1.917 novas prazas no próximo curso, o que representa un 54.9% máis que en 2005 e que facilitará o acceso á ensinanza pública a 5.409 rapaces, ademais dos 10 millóns de euros para realizaren as obras dos centros. Se atendemos á cobertura estimada destes centros, serán os de Ourense, co 40% das alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos con acceso garantido ás garderías públicas. Seguiríanlle Lugo, co 30%, A Coruña, co 22 e Pontevedra, cun 18% de alumnas e alumnos aos que os novos centros darían cobertura educativa.


0/5 (0 votos)