Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTANTA PIDE "PACIENCIA" COA SECRETARÍA DE NORMALIZACIÓN

Milleiros de persoas piden en Compostela un Estatuto "da normalidade lingüística"

A manifestación convocada pola Mesa pola normalización lingüística xuntou varios milleiros de persoas -5.000 di a policía, 20.000 segundo a Mesa, que a cualifica como a segunda maior manifestación na defena do galego na democracia- para reclamar que o novo Estatuto esixa o deber de coñecer o galego para así garantir os dereitos dos galegofalantes a levaren unha vida "normal" en galego. O voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, pediu na saída da manifestacón "paciencia" coa Secretaría de Nomalización Lingüística para facer efectivo o Plan de Normalización.

- 16:39 17/05/2006
Tags:

No seu discurso Carlos Callón, o presidente da Mesa, falou da "situación calamitosa" que vive o galego expoñendo os problemas de discriminacion lingüística que se ven aínda na actualidade, e criticou duramente a aqueles que aínda din que "fala galego quen quere". Pediulles a todas as forzas políticas que voten por un Estatuto que obrigue a coñecer o galego e retou a todos os deputados a que "proben a facer durante 15 días toda a súa vida en galego" para comprobar en primeira persoa os atrancos dos galegofalantes.

Así, lembrou varios casos, como o do pai que foi reprendido nun MacDonalds de Ferrol por pedir o menú en galego, o da parela que tivo moitas dificultades para conseguir as escrituras do piso na súa lingua, o da que tivo que casar cun intérprete ou o dunha muller que vén de ser despedida do seu traballo por falar en galego cos seus compañeiros. "Tolerancia cero coa discriminación lingüística", reclamou. Os mesmos discriminados estaban presentes nas a pancarta principal da marcha e leron cada un unha parte do manifesto. Tamén estaban con eles Tareixa Navaza, en representación dos traballadores afectados polo Plan de Saneamento de RTVE, Silvia Ribas de Fala Ceibe do Bierzo ou Pilar García Negro.

Quintana pide paciencia
Na manifestación estiveron presentes moitos dirixentes do BNG, entre eles o portavoz nacional, Anxo Quintana, quen fixo unhas declaracións aos medios antes de arrincar a marcha na Alameda de Santiago. Quintana fixo unha chamada a "deixar de chorar polo galego, para estarmos orgullosos da nosa lingua e para comprometernos coa súa utilización e a súa defensa". O vicepresidente da Xunta defendeu o compromiso do Executivo por cumprir o Plan de Normalización Lingüística, e pediu ser "pacientes" coa Secretaría de Normalización Lingüística, moi criticada pola Mesa e dende o propio BNG.

"Son a persoa máis impaciente do mundo, e en materia lingüística tamén, pero como Goberno tócame pedir paciencia, dende o convecemento de que estamos a traballar na liña axeitada e de que os froitos acabarán por chegar", concluíu.


Ligazóns

0/5 (0 votos)