Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FÚTBOL

O Barça proclámase mellor equipo de Europa

O F.C. Barcelona venceu a final da Champions League de fútbol por 2-1 diante do campión inglés, o Arsenal londiniense. Este é o segundo trofeo continental do conxunto catalán, que só puido poñerse por diante a falta de dez minutos para o remate, nunha final gris, trabada e mesta e na que os ingleses xogaron con dez case todo o encontro. Máis información en Vilaweb.

- 21:49 17/05/2006
Tags:

O comezo do partido presaxiaba o mellor: os futbolistas do Arsenal londiniense e do F.C. Barcelona levaban perigo ás dúas portas á carreira e dende o primeiro segundo. Todo estaba aberto ata que no minuto 18 unha internada de Eto'o era cortada en falta, sobre a mesma liña da área, polo porteiro do Arsenal. O árbitro, o benevolente noruegués Hauge, non estimou o gol subseguinte, non se decantou polo penalti, pero si expulsou o gardamallas Lehmann.

A partir dese momento os dez homes do Arsenal botáronse cara atrás e fixéronse fortes a base de forza física. O partido, en vez de decantarse cara aos cataláns, pexou e enlamou, especialmente a partir de que, no minuto 30 Sol Campbell colocaba na escadra de Valdés unha falta escorada, centrada por Thierry Henry. O Arsenal xogaba todas as cartas que podía, e máis.

Nesas comezou a chover, e aínda que o terreo de París drenaba fantasticamente, o xogo ralentizou aínda máis. O tempo bulía a favor do Arsenal, repregado, que confiaba no pulmón que lle quedaba a Henry, mentres que o Barça roldaba a porta de Almunia sen claridade. A faísca tardaba, o tempo corría, e en Londres xa botaban as contas do seu primeiro título. Pero niso apareceu o lusófono sueco Henrik Larsson, deu un toquiño imperceptíbel cargado de veleno, e o senegalés Eto'o cruzou sobre o pau curto ao fondo das mallas.

Escoitouse en París como o Arsenal se derrubaba sobre as pernas cansas. Uns minutos despois Larsson volvía poñer o balón nas pernas de Delleti, que facía o segundo tanto. Os cataláns apertábanse, os ingleses comprendían a oportunidade perdida e a choiva calmaba. A festa pola segunda Copa de clubes europea iniciaba en Cataluña.


Ligazóns

0/5 (0 votos)