Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MALIA AS SENTENZAS XUDICIAIS A XUNTA DI QUE É NECESARIO ELIMINAR POSTOS

O bipartito deberá crear prazas para os cargos irregulares herdados do PP

"Eses postos van saír a concurso e cubrirse como se teñen que cubrir os postos de traballo na administración", afirmou o presidente da Xunta este xoves. Emilio Pérez Touriño explicou que se ben o goberno galego debe respectar a decisión xudicial sobre o vencello coa administración do elevado número de individuos que o anterior executivo do PPdeG introduciu a través de contratos de asistencia técnica, iso non implicara o acceso automático ao funcionariado desas persoas.

- 08:52 19/05/2006
Tags:

Segundo relatou Touriño o cumprimento da sentencia implicará a creación dos postos que supostamente cubrían eses contratados, non implicando necesariamente que sexan esas mesmas persoas as que vaian ocupalos automaticamente, de forma que deberán no seu caso pasar por un proceso público con todas as garantías básicas.

"O goberno galego cumprirá as sentenzas xudiciais e regularizará as situacións de forma que non se use este procedemento como subterfuxio para que entren dun xeito non correcto na administración pública a través desas asistencias técnicas". Referíase Emilio Pérez Touriño ao elevado número de persoas vencelladas coa Xunta durante o goberno do PP en Galiza a través dese tipo de contratacións, e malia que non quixo valorar desta volta as prácticas do executivo de Manuel Fraga subliñou que "é preciso garantir que na administración pública se entre de acordo coa lei e a través dun mecanismo baseado na obxectividade, a transparencia e a concorrencia".

O PP defende a "legalidade" destes procedementos
"A contratación de asistencias técnicas na Administración é unha práctica habitual de todos os organismos públicos, que está dentro da Lei de contratos e que deben ser fiscalizadas pola intervención e a asesoría xurídica de calquera administración", insistían este xoves desde o PPdeG ao fío das declaracións do presidente da Xunta. Na opinión dos populares, a razón pola que a xustiza lle obriga agora á Xunta á readmisión destas persoas é porque "o goberno de Touriño, cando chegou a administración rescindiu contratos de asistencia técnica dun número indeterminado de persoas, en lugar de esperar ao remate da asistencia técnica contratada".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: