Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA INTERVENCIÓN XUDICIAL EN LUGO

As irregularidades na Deputación de Ourense centran agora a atención

Reconvertido para a causa oficial da nova dirección do PPdeG, o feudo ourensán de Xosé Luís Baltar, presidente da Deputación de Ourense, perdera actualidade mediática nos últimos tempos. Porén, o proceso aberto na veciña provincia de Lugo trae ao primeiro plano os inevitábeis paralelismos que historicamente se lle atribuíron ao funcionamento das dúas deputacións do interior galego. O BNG foi o primeiro en recuperar a petición dun sistema de control estrito sobre a actividade do organismo provincial. Desde o PSdeG insisten tamén na necesidade dunha vixilancia especial. Mentres, e despois de longos anos rexeitando as críticas que advertían de presuntas fraudes na actuación da deputación, Baltar anuncia o seu propio "código de boas prácticas" do que aínda non se coñecen detalles. O pleno deste venres na deputación ourensá servirá para debater o asunto.

- 06:59 26/05/2006
Tags:

Escándalos e irregularidades ao fío de procesos de oposición, duras críticas desde o Consello de Contas, adxudicacións de operacións financieiras a entidades que non presentaran a mellor oferta, a venda de activos da Finca Santamariña por baixo do valor de mercado... A actualidade ourensá ofrece exemplo de conflitos protagonizados pola Deputación onde todos os ollos viran cara ao liderado do barón popular da provincia. Xosé Luís Baltar vén librando con éxito de todas as acusacións e hai meses e logo de botarlle un pulso ao propio Manuel Fraga reciclou o seu enfrontamento con Alberte Núñez Feijoo nunha nova relación de mutua interdependencia que lle garante ao novo líder do PPdeG os votos do fortín popular ourensán ao tempo que lle ofrece a Baltar unha nova mocidade política no seu feudo.

O recente escándalo na veciña deputación de Lugo fai inevitablemente poñer a atención sobre a actividade da deputación de Ourense. Desde o BNG denuncian unha vez máis "o escurantismo" favorecido por Baltar e desafíano a aceptar un "código de boas prácticas" que permita determinar se existen prácticas similares por terra ourensá. "Sempre confundiu a deputación coa súa finca particular", denunciaban hai semanas os socialistas locais. Era de actualidade por eses días a recollida de sinaturas do PP contra o proxecto de Estatut para Cataluña e, supostamente, Xosé Luís Baltar estaba presionando a funcionarios da institución, moitos deles temporais, para que lle botasen rúbrica á petición do seu partido. De momento, Baltar respondeulle aos voceiros da oposición que a proposta do PPdeG vaille "adiantar pola esquerda" á do BNG e prometeu que establecerá medidas "máis efectivas" que as propostas polos nacionalistas para a garantía da transparencia no funcionamento do ente provincial.

Problemas para acceder á información
"Cando algo se oculta é porque algunha cuestión hai aí que non se quere que se saiba", comenta para Vieiros Xosé Manuel Pérez Bouza, voceiro do BNG na Deputación de Ourense, quen lembra que o seu grupo leva tempo denunciando comportamentos irregulares na actividade do goberno provincial e critica que o equipo de Xosé Luís Baltar teima en adiar unha e outra vez a entrega da información que a oposición lle pide. "Existen comportamentos que non son normais", láiase.

Seguindo con especial atención o labor do fiscal en Lugo, o representante nacionalista na deputación salienta que este tipo de situacións son "a confirmación de que estamos no certo cando afirmamos que as deputacións son organismos ineficaces e inoperantes que non cumpren cos obxetivos que supostamente deberan ter". Pérez critica que o funcionamento da deputación de Ourense en particular caracterizouse sempre por "un escurantismo alarmante" e gaba que actuacións como a da fiscalía luguesa "amosan que as acusacións que se viñan facendo non foran en balde".

Código de "boas prácticas"
"Nós estamos a prol da substitución destes entes por outros máis acaídos coa realidade democrática. Pero somos conscientes de que este é un debate que se está enfocando a medio prazo. Así, e mentres existan, cómpre mirar porque funcionen coa maior eficacia posíbel", explica Xosé Manuel Pérez ao fío da presentación do seu grupo dunha proposta de "Código de Boas prácticas" para a institución.

"Entre as medidas que nos propoñemos están a necesidade de que se faga público o patrimonio dos deputados, coa fin de que saibamos exactamente cal era o patrimonio que tiñan no momento de acceder ao cargo e cal é cando co que despois se van", relátanos, "E tamén os soldos, moi especialmente os do presidente e vicepresidente da deputación, e o que se cobra por asistir aos plenos", destaca.

"Ademais, son necesarias mesas que fiscalicen as contratacións de obras e o outorgamento de subvencións, vixiando que non se faga á marxe da lei vixente, como estaría acontecendo", propoñen desde o BNG ourensán. De xeito concreto insisten en que se publique a relación de empresas nas que participan os deputados, os seus cónxuxes ou persoas unida a eles por análoga relación afectiva, tales como fillos ou irmáns. Subliñan tamén a necesidade de coñecer polo miúdo a lista de traballadores da deputación que teñen concedida a compatibilidade para unha segunda actividade na empresa privada, así como nome da empresa na que prestan os seus servizos o cargo que ostentan e composición societaria da mesma. A proposta inclúe tamén a creación dun rexistro público de subvencións, no que figure cando menos, a organización á que se lle concede, contía e os fins para os que foi otorgada; a creación dun rexistro público de contratacións de obras, servizos e subministros, nos que figure, cando menos, a obra, servizo ou subministro de que se trata, empresa á que se lle adxudicou, procedemento empregado, empresas que participaron na adxudicación, orzamento e prazo de execucción ou a creación dunha mesa permanente de contratacións, na que estean presentes tanto técnicos como representantes do grupo de goberno e das organizacións políticas con representación no pleno, que se encargaría de todo o proceso desde a elaboración das bases reguladoras até a adxudicación.

Comisión de "vixilancia"
No mesmo sentido se pronuncian desde o PSdeG, destacando o paralelismo mantido historicamente nas actuacións dos presidentes das deputacións de Lugo e Ourense. "A súa xestión caracterizouse por prácticas pouco ortodoxas", afirma Francisco Rodríguez, voceiro socialista na deputación, destacando a "sintonía" ideolóxica que sempre mantiveron Cacharro e Baltar. Os socialistas únense así á petición de transparencia no organismo e propoñen que unha comisión onde estean representados PPdeG, PSdeG e BNG controle estreitamente todos os procesos de contratación pública, con acceso a toda a documentación vencellada aos contratos xestionados pola deputación. De igual modo que os nacionalistas, solicitan tamén que se fagan públicos todos os proxectos e contratos vencellados durante os últimos anos ao departamento de Obras.

Presuntas fraudes por vía "indirecta"
O xulgado ourensán está pendente de escoitar a declaración ao respecto de presuntas irregularidades do propio presidente da Deputación. No inicio do caso, hai xa tres anos, posteriormente pechado e reaberto despois da presentación dun recurso, está o traballo paralelo do enxeñeiro titular da área de Vías e Obras en Ourense. A investigación inclúe a avaliación da actividade deste técnico, xunto a outros do mesmo departamento, logo da creación por parte do primeiro dunha empresa que prestaba os seus servizos para diferentes concellos da provincia de Ourense, na que pasaron a integrarse os seus compañeiros. Ao xeito do acontecido en Lugo, o caso incorpora tamén na suposta trama a un ex funcionario que unha vez retirado aparecería como administrador da entidade empresarial.

Ao fío do acontecido recentemente en Lugo, Baltar, recoñecendo tacitamente a ilegalidade do acontecido na veciña deputación luguesa, argumentaba que un caso similar non sería posíbel en Ourense, xa que o departamento de Vías e Obras desta deputación é o que realiza os proxectos en todo caso, sempre dentro do propio deparmento. Pola contra, desde o BNG apuntan ao respecto que as semellanzas son ben claras e aparecen "pola vía indirecta". Xa que logo, estaría documentada esa relación de determinados funcionarios con empresas privadas que á súa vez realizan proxectos para concellos da provincia ourensá. Á súa vez, estes municipios dependen para determinadas obras das subvencións que decida outorgarlles a deputación. Así, no elo final da cadea, presuntamente os mesmos funcionarios que realizaban no seu traballo paralelo os proxectos, terían tamén privilexio á hora de darlle a beizón final cando chegan desde os concellos para a súa aprobación. "Nós xa solicitamos ver o detalle de todos os proxectos desde o ano 2000 até este mesmo ano", explica Xosé Manuel Pérez.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: