Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRIATLÓN

Galiza, capital mundial do triatlón

Xavier Gómez Noia e Iván Raña conseguiron respectivamente a vitoria e a segunda praza na Copa do Mundo de triatlón celebrada en Madrid. O ferrolán obtivo así o seu primeiro título da Copa do Mundo, mentres o ordense Raña acadaba un fabuloso posto, demostrando que a súa recuperación xa é completa. Nas mulleres, Aida Valiño foi 40ª e Saleta Castro 49ª no seu debú nunha Copa do Mundo.

- 08:35 05/06/2006
Tags:

Galiza non competía na Copa do Mundo de Madrid con selección de seu. O regulamento da ITU impide a participación independente de federacións non recoñecidas oficialmente, a diferencia do que aconteceu hai unhas semanas na Copa de Europa, que se atén ás normas da federación europea. Pero en todo caso quedou demostrado que os galegos están no máis alto do podio e que serán unha boa posibilidade de medalla en Beixín 2008.

O ferrolán Xavier Gómez Noia e o ordense Iván Raña cubriron toda a proba no grupo de cabeza, se ben non se puxeron de líderes ata a carreira a pé. O primeiro en saír da auga do lago da Casa de Campo madrileña foi o xaponés Hirocatsu Taiama, que no final foi decimocuarto, mentres que Gómez Noia e Raña cubrían a distancia inicial de 5º e de 18º, respectivamente, pero sen que se creasen longas distancias entre un e outro. Dese xeito, os dous integráronse no primeiro grupo de bicicleta, dunha vintena de homes. Non estaba nese corte o estadounidense Mark Fretta, que partía como favorito logo do seu concurso nas anteriores probas da Copa do Mundo, que finalmente abandonou.

Logo dunhas intensísimas ramplas pola Casa de Campo, baixo unha forte calor de mediodía, o primeiro grupo de ciclistas chegou á meta dunha foirma bastante compacta, con Raña de cuarto e Gómez Noia de 24º. A transición e os primeiros metros da carreira a pé configurou unha formación onde estaban os homes que figurarían na loita polo podio, do que quedaba fóra tras un desgrazado paso da bici ás zapatillas o ucraíno Policarpenco, vencedor na Copa do Mundo de Aqaba. Raña e Gómez Noia foron fixando un alto ritmo e despegándose dos seus competidores, que ían quedando como un ronsel ás súas costas. A falta de 2,5 kms Xavier Gómez Noia demarraba e sacáballe uns catro segundos ao ordense, que mantivo e mesmo ampliou conforme se achegaban á meta.

Ao final o podio quedou composto por eles dous, vitoreados polos numerosos afeccionados galegos desprazados a Madrid. O bronce quedou para o alemán Maik Petzold, que ambos os dous sinalan como un dos rivais a bater no Campionato de Europa de triatlón, que se desputará en tres semanas na cidade francesa de Autun. No ránquin da Copa do Mundo, Gómez Noia é primeiro, empatado co estadounidense Kemper e co portugués Bruno Pais, que aquí foi cuarto, mentres que Raña é quinto na xeral.

Debú das galegas na Copa do Mundo
As mulleres galegas, dende que Pilar Hidalgo quedara sen podio en Atenas, non volveran desputar competicións do máximo nivel. Agora dúas mozas iúniores, que xa competiron por dúas veces na Copa de Europa absoluta (Estoril e Alexandrúpoli), debutaban nunha proba da Copa do Mundo. Por iso hai que valorar especialmente que rematasen a proba e que non fosen obrigadas á retirada logo da bicicleta, onde corrían o risco de ser dobradas.

Saleta Castro saíu no último grupo do lago da Casa de Campo, quedou nun dos últimos grupiños na bicicleta e entrou finalmente de última na carreira a pé, pero na posición 49ª das 67 participantes que inicialmente tomaran a saída. Mellor proba callou Aida Valiño: se ben entrou algo retrasada nos boxes para coller a bicicleta, sobre as dúas rodas fixo un excelente percorrido, meteuse no terceiro dos grupos, e conseguiu reducir a distancia coa cabeza. Na carreira a pé empezou a sentir molestias nun xeonllo, e viuse obrigada a entrar no posto 40º. En paralelo, a portuguesa Vanessa Fernandes volveu demostrar por que é a líder do ránquin mundial: saíndo de 15ª do lago, e chegando no segundo grupo na bicicleta, foi remontando ata cruzar de primeira a liña laranxa da meta.


0/5 (0 votos)