O condutor de autobús que quería ser Deus, novo título de Rinoceronte Editora, poderá descargarse íntegro da web en formato TXT ou PDF. A editorial creada por Moisés Barcia espera esta iniciativa non só non reduza as vendas do libro impreso, senón que as aumente grazas aos lectores que se asomen ao texto electrónico e que despois desexen telo en papel. O libro, do autor israelí Etgar Keret, e traducido polo vigués residente en Palestina -e colaborador de Vieiros- Moncho Iglesias, é a primeira obra que se verte do hebreo ao galego.
Etgar Keret é un dos escritores máis populares de Israel. Combina a escritura co seu traballo de profesor de cine e a dirección cinematográfica. A súa obra literaria traduciuse a 16 linguas e filmáronse máis de 40 curtametraxes baseadas nas súas historias. É descrito como a voz hippy e posmoderna da sociedade israelí contemporánea, un pobo no que xentes da mesma idade poden ser soldados, relixiosos ultraortodoxos, árabes-israelís ou inmigrantes que acaban de chegar. Os seus escritos son unha porta aberta ao diálogo con todos eses grupos tan diferentes, e quizais esa sexa a base dun éxito que logrou impoñerse a autores consagrados mundialmente como Amos Oz ou A. B. Yeoshua. Porén, Etgar Keret sufriu a acusación de contribuír a que os mozos israelís empreguen unha linguaxe pobre e chea de referencias á violencia e ao sexo, amais de ser calificado de antisemita no parlamento do seu país.
O condutor de autobús que quería ser Deus publicouse por primeira vez en hebreo en 1998. Nos catro contos e a novela curta que compoñen o libro, o autor escribe, cun sentido do humor absurdo e cheo de ironía, as historias de xentes confusas e deliberadamente non épicas que viven no contorno de Tel Aviv.