Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'SOMOS UNHA POTENZIA'

O regreso do binomio Blanco-Reixa á Televisión de Galicia

O vindeiro luns a TVG estreará a súa gran aposta para este verán, o o programa nocturno Somos unha potenzia, presentado e dirixido por Carlos Blanco e producido por Antón Reixa. Un binomio que logo de empezar na televisión -e revolucionar o país enteiro- co programa Sitio Distinto, volve ao ataque cun programa que trata de derrubar os complexos dos galegos e demostrar que este país é unha potenzia -con z, como Galizia- en moitísimas cousas. E á parte diso, entreter, que é o máis difícil, e dar unha pancada máis na travesía da nosa televisión pública para buscar público novo, tamén en idade.

- 18:07 09/06/2006
Tags:

Somos unha potenzia é un formato de late night show semellante aos que fan, no ámbito español, Manel Fuentes, Andreu Buenafuente ou Eva Hache, e antes Sardá ou Pepe Navarro. Vén dunha longa e exitosa tradición televisiva nos Estados Unidos que encumbrou a carismáticos presentadores como Jay Leno, Johnny Carson ou David Letterman. E, logo dun intento co programa Máxima Audiencia, presentado por Manquiña, a TVG aposta fortemente por recuperar o que para moitos é o showman deste país por excelencia: o vilagarcián Carlos Blanco.

Xa o di o director da TVG, Suso Iglesias: "tiñamos unha débeda con este home", que estivo apartado da televisión nos últimos tempos, case dende Mareas Vivas aínda que con excepcións, e cuxa experiencia en teatro, radio, cine e espectáculos de selo propio como "Directamente Paco" ou "Dillei" fai dubidar pouco da solvencia de Carlos Blanco á hora de asumir un proxecto tan ambicioso e ao mesmo tempo tan centrado na súa persoa. O produtor Antón Reixa asume tamén este reto encantado de volver traballar con Blanco, a quen logo de moitos anos traballando xuntos considera como a súa "parella de feito". O director e presentador do programa asume este "reto" con gran responsabilidade, pois "logo de tantos anos criticando, a veces moi duramente, a TVG, agora toca que nos critiquen a nós".

De todos xeitos Somos unha potenzia é moito máis. Como bo talk show terá entrevistas, música e humor, pero tamén un fío condutor específico para cada programa, baseado naqueles aspectos nos que Galiza, segundo Blanco, é unha potencia. En cales? Pois en cousas tan dispares como curvas, valados, carpas e festas gatronómicasou mulleres bravas... Un equipo de actores, músicos, dilleis, público e mesmo "espías" axudarán a Blanco nesta xeira.

Declaración de intencións
"Inventámolo fútbolín, a calculadora... Temos xente ben colocada por todas partes. Un galego foi rei dos xíbaros, outro púxolle letra ao tango ‘Garufa’. O primeiro executivo do mundo naceu no noso país. Témolo copyright da retranca. Somos unha potenzia. E, como tal, traballamos para crear nosos propios servicios secretos. Carlos Blanco recibe semanalmente no programa a galegas dispostas a formar parte da ZIA, un corpo especial de espías de Galicia. Esta "metáfora-ficción" cohesiona de
forma leve, tenue e, sobre todo, irónica os contidos estructurais do programa:xente coñecida, e outra que non o é tanto, que fala , ri e conta as súas cousas".

'Somos unha potenzia' é unha idea orixinal de Carlos Blanco e de Antón Reixa. De emisión semanal en prime time, ten unha duración de 75 minutos. O programa é unha producion de Filmanova para TVG e comezará a emitirse o vindeiro doce de xuño.

E antes, unha nova serie francesa de inspiración céltica
Na presentación de Somos unha potenzia, o director de programas da TVG, Eduardo Galán, anunciou tamén a estrea o luns de Dolmen, unha miniserie francesa sobre paixóns en terra céltica, que é a primeira produción dese país que emite a TVG.

Dolmen completará así unha dobre sesión para noite do luns que para Suso Iglesias constitúe "un paquete moi atractivo" de cara á programación estival. A serie emitirase despois do telexornal e logo dará paso ao programa de Carlos Blanco, que empezará sobre as 23h.


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: