Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CIG-ENSINO PIDE QUE SE APLIQUEN AS PROPOSTAS DA LEI DE NORMALIZACIÓN

O curso que vén seguirá sen haber un plan para levar o galego ás aulas de infantil

"Esa proposta non está pensada, nin moito menos, para avanzar na normalización lingüística". Láianse desde a CIG-Ensino pola recente chegada aos centros da "convocatoria de accións para a potenciación do ensino en lingua galega na educación infantil, entre 3 e 6 anos", que polas súas características consideran "un conxunto de medidas burocráticas" que amosarían a falta dunha estratexia da consellaría de Educación para mirar polo galego nas aulas. "Máis que potenciar, o que fan é crear unha serie de pexas que dificultarán que os centros se acollan a estas accións", quéixase Anxo Louzao, secretario nacional desta formación sindical.

- 07:01 16/06/2006
Tags:

O documento que desde a Xunta lle enviaron aos centros é "unha proposta perversa", segundo a análise da CIG-Ensino. A valoración vén dada polos requerimentos establecidos para poderen acollerse á impartición das aulas en lingua galega. Xa que logo, a petición implica que non supoña nin unha ampliación de profesorado nin de recursos, aínda no caso de que fose necesario e esixe que haxa un acordo do claustro, do Consello Escolar e que ningún pai se opoña. Opinan desde a formación sindical que con estas esixencias "serán unha minoría os centros que se acollan" e agoiran que mesmo "lle valería de disculpa á consellaría para non emprender medidas realmente normalizadoras".

"É inaceptábel desde todos os puntos de vista que a propia consellaría se desentenda totalmente da normalización lingüística no ensino, incumprindo o propio programa de goberno, trasladándolle a responsabilidade planificadora dun tema tan relevante á comunidade escolar". Lémbranlle á consellaría que nin sequera este requisitos se solicitan para levar a cabo a introdución experimental do idioma extranxeiro na etapa infantil e critican que a día de hoxe non se programase ningunha medida nin se promulgase ningún decreto que supere o 247/95 de aplicación da Lei de Normalización Lingüística ao ensino que "non só non se cumpre, senón que quedou totalmente obsoleto e contradí o Plan xeral de normalización aprobado, por unanimidade, no Parlamento. Plan, por certo, que a Consellaría non só está incumprindo, senón que tamén todo indica que se vai incumprir para o curso vindeiro".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: