Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRA ACCIÓN SOCIAL QUE VALIDA A CÁMARA GALEGA

Aprobada no Parlamento a iniciativa para a conservación e a mellora dos ríos galegos

Os ríos do país que se vexan ameazados por encoros, pola contaminación ou por canalizacións que deturpen dalgún xeito o seu curso natural gozarán de protección legal a partir de hoxe. Iso vai ser posíbel grazas á aprobación no Parlamento da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos. É a primeira acción destas características, é dicir, con texto de lei, en ser tomada en consideración o que, segundo a comisión promotora, non procura a "promoción dos graves impactos dos aproveitamentos hidroeléctricos, senón a protección, conservación e mellora do patrimonio natural dos nosos ríos".

- 17:18 20/06/2006
Tags:

Os ríos galegos contan cunha Lei que define novas prioridades e fixa novos obxectivos para a conservación dos ríos do país. O texto saiu adiante cos votos a favor dos tres grupos parlamentarios maioritarios na Galiza, BNG, PSOE e PP e, para a súa presentación no Parlamento como proxecto de lei, esta iniciativa lexislativa foi apoiada previamente por máis de 40.000 electores do país.

No que respecta ao trámite parlamentario puido, este puido realizarse debido a que un texto inicial redactado pola comisión, promovida por Adega e formada por varios colectivos, foi dado a coñecer o pasado abril aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento para que puidesen presentar emendas ao mesmo. Neste sentido, PSOE e PP promoveron emendas de supresión e, ademais, os socialistas tamén emendaron o texto con vistas a modificar algúns dos seus artigos.

O resultado do que se aprobou hoxe mantén case todos os preceptos do documento incial, agás o que recollía o rescate dos encoros dedicados á produción de enerxía hidroeléctrica logo da caducidade da concesión destes a empresas privadas. Iso foi así, segundo afirmou o membro da comisión Manuel Soto Castiñeiras, "polas sucesivas reunións que desde esa data mantiveron os membros da comisión cos representantes dos grupos políticos para a confluencia de propostas. Dicir tamén que o BNG non presentou enmenda algunha ao texto, xa que tomou parte na elaboración do texto inicial para logo presentar ao público e aos demais partidos.

Os promotores desta iniciativa lexistlativa pretenden que con ela naza unha nova cultura da auga recollida e que non falten os medios económicos cos que levala a cabo. Ademais, amósanse satisfeitos coa aprobación, xa que "foi a primeira iniciativa lexislativa popular, con texto de lei, en ser tomada en consideración", dixo Manuel Soto, na historia do Parlamento Galego. Esta comisión que permitiu o resultado acadado hoxe naceu no 2004 no seo da manifestación para a conservación do alto Ulla que se celebrou en Palas de Rei.

Antes diso, accións como a realizada no 1999 por parte da Coordenadora Galega para a Defensa dos Ríos (Cogader) e a que realizaron membros de varios colectivos no 2001 centrada en Unión Fenosa baixo o título "Ríos limpos, sobran watios". Aínda que o interese pola conservación dos ríos galegos é un obxectivo que está presente en asociacións como Adega e noutros colectivos ecoloxistas do país, Soto afirmou que o labor da comisión promotora rematou coa aprobación da iniciativa lexislativa hoxe polo Parlamento galego. Se ben, non negou unha volta á acción pública de torcerse a aplicación da lei ou de que esta se retrase nos prazos previstos.

Esta preocupación polo cumprimento dos acordos púxoa de manifesto Manuel Soto cando afirmou que "é necesario que se produza xa a revisión do plan hidrolóxico" para que isto sirva como reforzo á aprobación do texto e á aplicación das directivas da unión europea. Ademais, o membro de Adega e da comisión promotora explicou tamén que a consecución da lei non implica unha garantía "o cento por cento segura" da conservación e mellora dos ríos galegos, xa que esixe un esforzo por parte dos colectivos e institucións implicadas "para que non caia no esquecemento" como o teñen feito outras leis e directivas.

Anteriores:


0/5 (0 votos)