Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECENCIA DO SECRETARIO XERAL DO PSdeG NO PARLAMENTO

Touriño apela ao "galeguismo das tres forzas" para mudar o "papel secundario que historicamente Galiza se viu forzada a asumir"

En beneficio do consenso e a prol dun novo marco para o "incremento do benestar" dos cidadáns, Emilio Pérez Touriño falou este xoves no Parlamento sobre a necesidade de traballar "para que Galiza non quede atrás". O presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG defendeu que a historia recente fornecida polo Estatuto actual exemplifica que "descentralización nunca xerou alarma xeral nin risco de fragmentación". Así, e logo de explicar polo miúdo as características do acordo asinado á beira do BNG, pediu especialmente o compromiso do PPdeG para unha reforma que "non vai contra ninguén" e que na súa opinión facilitará puntos de encontro en beneficio do "autogoberno, progreso e liberdade".

- 13:30 29/06/2006
Tags:

"Ninguén quere que Galiza quede atrás". Emilio Pérez Touriño iniciou a súa intervención lembrando o vizoso das comparecencias que tiveron lugar durante as últimas semanas diante da comisión para a reforma estatutaria, e destacou que todos os participantes coincidisen na importancia do proceso, sen apenas cuestionamento ningún á necesidade da reforma.

O presidente da Xunta partiu da defensa dos logros fundamentais que na súa opinión ofreceu o Estatuto actual: "máis participación cidadá na vida pública, maior desenvolvemento económico e o afianzamento da lingua propia", para pasar a defender o avance nunha nova concepción da "España contemporánea" baseada en facer compatíbel igualdade e diversidade".Segundo explicou, "a madureza do Estado, permitirá darlle luz a unha nova xeneración de estatutos". Touriño prognosticou que haberá oportunidade para "poñer a Galiza por riba das siglas dos partidos" e desta volta "non quede ninguén fóra do consenso". En chiscadela cara aos populares, Touriño pediu o compromiso co consenso "desa parte ampla, significativa e necesaria da sociedade que representan os deputados do PP neste Parlamento".

Pasando á análise polo miúdo dos puntos consensuados xunto ao Bloque, o líder do PsdeG, iniciou o seu relato afirmando que Galiza "mitigou" no seu momento a súa identidade nacional en beneficio do consenso da transición e reclama agora o recoñecemento do seu "carácter nacional", aspecto que na súa opinión é erróneo considerar "unha fuxida cara a adiante" e debera entenderse no contexto dunha "personalidade cultural e unha vontade de autonomía política historicamente expresada". Falou a continuación de avanzar a prol da "equiparación legal de galego e castelán", mirando polo establecemento de mecanismos de protección para o uso da lingua galega.

Deseguido, Touriño referiuse a un proxecto de Estatuto que amplíe e actualice os dereitos e deberes básicos dos cidadáns, fixando "un labor orientador claro para os poderes públicos" en todos os ámbitos de goberno. En referencia ao camiño ao máximo nivel competencial, reparou especialmente en fixar con claridade ese marco competencial para "evitar futuros conflitos" co goberno español. Falou tamén do establecemento dunha comisión mixta das dúas administracións par a resolución de conflitos e de mecanismos de cooperación bilateral independentemente da participación que a Galiza lle corresponda a través dos órganos multilaterais existentes.

Deixou Touriño para o final o financiamento, subliñándoo como clave para o logro "dunha autonomía política real", indicando que o Estatuto debera fixar con claridade os mecanismos de cesión parcial ou total de diversos tributos para "asegurar a suficiencia de recursos e a autonomía financieira da facenda galega, tendo en conta o gasto real e as nosas características específicas". Nese punto destacou a proposta de creación dunha "Axencia Tributaria galega que colabore coa estatal". Por último, recuperou a expresión "défice estrutural acumulado", para referirse á débeda histórica do Estado con Galiza, falando dun "nivel óptimo de investimento" que quedaría no 8% dos orzamentos estatais durante dez anos. "Galiza é un pobo con fame de futuro", pechou Touriño.


0/5 (0 votos)