Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECENCIA DO VOCEIRO NACIONAL DO BNG NO PLENO SOBRE O ESTATUTO

Quintana fala dun Estatuto que garanta que "esa historia triste e resinada non se repita"

"Hai que afrontar este debate sen complexos", pediulles o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, aos grupos parlamentarios, mentres falaba en favor dunha relación bilateral do Estado: "a nosa especificidade requíreo", subliñou. Destacou especialmente e respecto ao debate sobre a autonomía fiscal, a proposta de que Galiza avance máis que Cataluña nalgúns aspectos. "Vostede ten a responsabilidade de evitar que este proceso sexa un instrumento útil para o seu partido en Madrid pero inútil para Galiza", desafiu por último Quintana en referencia a Alberte Núñez Feijoo.

- 13:30 29/06/2006
Tags:

Quintana iniciou a súa intervención pedindo para o BNG o recoñecemento de ter sido a formación que introduciu no debate público a necesidade de iniciar o proceso de reforma estatutaria, e laiouse da resposta que nese tempo atopou desde as outras formacións políticas. "Agora todos recoñecementos que este debate é trascendente para Galiza", eloxiou, pedindo que os partidos se esforcen en recuperar tempo axudando a trasladarlle aos cidadáns a importancia deste momento e destacando que as enquisas xa recollen o interese co que desde a rúa se estaría avalando o proceso.

"Sería bo comezar recoñecendo verdades, e por exemplo dicir alto que este Estatuto é importante para Galiza porque decide o seu futuro e porque o sistema actual non é bo para Galiza", salientou, "para garantir o progreso debemos buscar outro lugar institucional dentro do Estado: se gañamos, facémolo todos, e se fracasamos, perde Galiza".

"O recoñecemento de Galiza como nación debe ser un elemento de unión e non de controversia", propuxo o líder do Bloque, recordando que a Cámara galega aprobara por unanimidade no seu momento a definición que o himno galego fai do país como nación e pedindo que se traslade ese consenso ao novo estatuto. Na súa opinión non se trata dun debate simbólico, senón dun debate "sobre a minoría ou a maioría de idade deste país". Deseguido, referiuse á cuestión lingüística, criticando que na actualidade "un cidadán chegue a unha administración e o atenda alguén que segundo a lexislación non ten o deber de facelo en galego". Con ese exemplo, Quintana falou da lingua galega como "a máis alta expresión da nosa identidade".

En coincidencia literal coa intervención do propio presidente da Xunta, o vicepresidente do executivo galego tamén subliñou que "non hai autonomía política real sen autonomía financieira". Nese punto do seu discurso, falou Quintana de "desterrar a idea de país que só sabe facer política mirando a Madrid na espera dun maná" e indicou a necesidade dunha fórmula propia para o cálculo de custos sos servizos públicos, referíndose tamén en concreto á posibilidade de que a emigración galega conte nos ingresos. De xeito especial, e no camiño dunha maior autonomía fiscal, mencionou as oportunidades no IRPF, IVE e taxas especiais e recalcou que Galiza pode nalgúns puntos camiñar "máis lonxe do que o fixo Cataluña".


0/5 (0 votos)