Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
70 CABODANO DO GOLPE MILITAR DO 36

A Comisión pola Memoria da Coruña pídelle ao Concello que condene o golpe

Nun comunicado enviado aos medios, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña "non quere esquecer que un grupo de militares fascistas se levantaron contra o réxime legalmente constituído hai hoxe, 18 de xullo, setenta anos. Tras moitos meses de preparación previa, o día 17 subleváronse as tropas en Marrocos, o que implicou tamén, desde ese momento, o levantamento dun grupo de militares no resto do Estado. Este feito provocou unha guerra civil, corenta anos de ditadura e a coñecida Transición, que impuxo unha lousa de silencio sobre tanta barbarie".

- 09:30 18/07/2006
Tags:

O comunicado continúa así:

Era a nosa cidade centro militar da VIII Rexión, o que provocou que coruñesas e coruñeses sufriran a máis dura represión, xa que non as consecuencias directas da guerra, desde o día 20. Varios militares leais a República, como Salcedo e Caridad Pita, o gobernador civil Pérez-Carballo, o alcalde Suárez Ferrín, e moitos outros políticos e dirixentes sindicais, e a poboación civil en xeral, sufriron desde os primeiros días, unha brutal represión, controlada e extensiva, exercida, tamén, sobre a poboación sen armas, a pesar que foran reclamadas insistentemente nas horas previas ao levantamento fascista para defender a República e a orde constitucional aprobada maioritariamente no ano 1931.

Os coroneis Martín Alonso e Cánovas Lacruz, o Tenente Coronel Tovar e o Coronel González Vallés, da Garda Civil, deciden seguir as directrices do "Director" do golpe de estado, o xeneral Mola. A eles únense a Falanxe coruñesa, minoritaria nunha cidade maioritariamente de obreiros e mariñeiros, fortemente sindicada e anarquista, e na que as coruñesas e os coruñeses xogaban un papel singular tanto no eido laboral, como político e cultural. Daquela o pobo pedía ARMAS para defenderse, hoxe, 70 anos despois, as coruñesas e os coruñeses pedimos xustiza e o recoñecemento público das persoas que máis se significaron na defensa da democracia, da República e do Estatuto de Autonomía de Galiza.

Moitos foron os mortos, moitas e moitos os encarcerados no cárcere da Torre e no castelo do Santo Antón; moitas e moitos os torturados e perseguidos, moitas e moitos os exiliados, moitas e moitos máis os que sufriron fame, enfermidades e o terror provocado pola Garda Civil e a Falanxe, e levado adiante coa complicidade da Igrexa oficial.

70 anos despois pedimos que non se repita de novo, mais que non se esqueza, que non se siga a impoñer o silencio sobre a nosa historia, como non se impuxo noutros estados europeos plenamente democráticos que sufriron tamén a barbarie fascista.

Recentemente o Consello de Europa aprobou a declaración do 18 de xullo de 1936 como "día da condena internacional do franquismo". E de igual xeito, o Congreso dos Deputados, coa excepción do PP, manifestou igualmente a condena da guerra civil e denunciou os corenta anos do réxime do terror institucionalizado.

Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, solicitámoslle ao noso goberno municipal a condena igualmente da sublevación militar, da represión e da ditadura franquista. Mais tamén lle solicitamos que os homes, que dominaron coa forza das armas e do terror a Galiza e ao Estado durante corenta anos, non poidan ser recoñecidos como cidadáns de honra desta cidade, coa presenza dos seus nomes nas nosas rúas, edificios e prazas.


0/5 (0 votos)