Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA DA PATRIA

Milleiros de persoas reivindincan en Compostela a Galiza como unha nación

"Esta é a nosa ofrenda", berrou entre aplausos Anxo Quintana nada máis subir ao atril do discurso do Día da Patria, finalizando a manifestación do Bloque Nacionalista Galego. Unha ofrenda na que unhas doce mil persoas proclamaban "Quen queira, quen non, Galiza é unha nación" con máis intención ca nunca, no ano no que se está a traballar na reforma do Estatuto. Sobre este proceso falou Quintana, e especial da reunión que manterá o vindeiro sábado co líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, expresando a súa intención de convencelo para chegar a acordos que saquen adiante un Estatuto "de primeira" de maneira áxil. Tamén fixo repaso do ano de goberno, falando tanto dos logros do BNG como das relacións cos seus socios socialistas no bipartito.

- 13:19 25/07/2006
Tags:

Quintana espuxo o "respecto a todas as opcións relixiosas" para explicar a súa ausencia do acto institucional da ofrenda ao Apóstolo na catedral, e lembrou ocasións nas que o poder da sociedade civil prevaleceu sobre o relixioso, como na traxedia do Prestige, nas que se puxo de manifesto o "respecto por Galiza" que estes días botaban en falta os compañeiros de goberno do Bloque pola ausencia dos cargos nacionalistas na catedral.

O lema "Somos unha nación" foi o que elixiu o BNG este ano para a súa manifestación e así o recalcou o voceiro nacional, lembrando a "oportunidade histórica" que se presenta este ano coa reforma do estatuto "para cumprir as ilusións de tantas persoas" que ao longo da historia loitaron polo recoñecemento de Galiza como nación, e apelou o PPdeG para "que se sume á maioría social deste país" neste proxecto que cualificou de "ilusionante".

O vicepresidente da Xunta non esqueceu así mesmo facer repaso do ano que leva o BNG por primeira vez no goberno, destacando os avances logrados en materia de benestar social, incentivos da economía e do medio rural, así como a lingua e a cultura, e non faltaron as referencias concretas á Lei de Dependencia, as galescolas ou o Ano da Memoria.

A deputada no Parlamento Galego do BNG Ana Belén Pontón abriu o acto saudando as quince delegacións internacionais convidadas polo BNG apelando á solidariedade entre os pobos, polo que condenou o ataque de Israel sobre o Líbano e pediulle ao Estado español que actúe contra estas e outras vulneracións da legalidade internacional, así como a retirada das tropas de Afganistán. Tamén lembrou que Galiza celebra o Ano da Memoria e fixo un chamamento a non esquecer a nosa historia para non converternos nun país "virtual como Matrix, cuxos habitantes vivían desconectados da realidade".

Pontón, de 29 anos, dedicoulle o final da súa intervención á mocidade galega, cunha mención moi especial a Galiza Nova e ao traballo desenvolvido polas mocidades nacionalistas nos últimos 20 anos, destacando o esforzo que están a facer para sacar adiante de maneira voluntaria "o maior acontecemento festivo e político do país", o Festigal, que se está a desenvolver durante os días 24 e 25 de xullo na capital compostelá.


0/5 (0 votos)