Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP FALA AGORA DE "DESCOORDINACIÓN"

Trinta concellos gobernados polo PP rexeitaron convenios antiincendios

"O PPdeG e o grupo parlamentario, os tres presidentes de deputacións do PPdeG e os máis de 200 alcaldes, así como eu mesmo, poñémonos a disposición da Xunta de Galiza e do seu presidente e vicepresidente". Así o manifestaba este luns o líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, prometendo evitar a politización da crise aínda que criticando duramente a actuación do executivo galego. Con todo, ás portas do mes de agosto, o executivo e os populares rifaban xa, daquela pola negativa de numerosos concellos gobernados polo PP a asinar os convenios para a contratación de brigadas municipais contra o lume.

- 06:22 08/08/2006
Tags:

"Se alguén está actuando con irresponsabilidade é o PP, que no canto de dar exemplo, rexeita a colaboración da Xunta e despois pasa a criticala". Así se laiaban hai poucos días desde a consellaría de Medio Rural, pedíndolle explicacións ao PP pola negativa dun amplo número de concellos gobernados por este partido a asinar os convenios para a conformación de brigadas anti-incendios nestes municipios. A principal discrepancia semellaba ser o feito de teren que adaptarse aos novos criterios de contratación establecidos pola consellaría, baseados no seguemento estreito do proceso, con presenza incluída de técnicos da Xunta, e a esixencia de formación axeitada, coa fin de evitar prácticas de clientelismo denunciadas en anteriores campañas contra o lume.

O PP di que agardará para afondar na "descoordinación"
O Partido Popular solicitou a reunión urxente da Deputación Permanente do Parlamento "para pactar unha saída á situación", mentres que en Madrid solicitaban a comparecencia dos ministros de Interior e Medio Ambiente, para explicar o acontecido. Rajoy visitará Galiza este martes para coñecer a incidencia real dos lumes, mentres Núñez Feixoo pediu non facer unha utilización política da crise pero ao tempo criticou con dureza o que o Partido Popular define como desmantelamento dos servizos antiincendios.

Alberte Núñez Feixoo realizou unhas duras declaracións criticando as actuacións do goberno bipartito, se ben ao mesmo tempo sinalaba que este era "tempo de axudar e colaborar". De feito, o presidente do Partido Popular de Galiza xa prevé "pedir contas pola imprevisión, descoordinación e ineficacia das autoridades responsables, empezando polo Presidente da Xunta e seguindo polos ministros do Interior e de Medio Ambiente", pero sinala que agardará para facelo a que todo pase.

Para Núñez Feixoo "non estamos diante dunha catástrofe natural, senón perante un ataque directo á riqueza do país e á seguridade dos seus habitantes" e "perante a peor campaña contra incendios dos últimos 15 anos". Por iso ofreceu o apoio do PPdeG, do grupo parlamentario, dos tres presidentes de Deputacións e dos seus douscentos alcaldes e púxoos ao dispor da Xunta e do seu presidente e vicepresidente".

Como medidas urxentes Feixoo solicitou a reunión urxente da Deputación Permanente do Parlamento, para pactar entre as tres forzas políticas "unha saída a esta situación crítica" mentres ao mesmo tempo criticaba o desmantelamento da estrutura técnica directiva e da estrutura territorial, o retraso na selección do persoal das brigadas así como a súa inexperiencia, a redución de gavillas nos concellos, a súa mala distribución, a redución de dous helicópteros, ou o retraso na sinatura cos concellos.

Tamén pediu o Partido Popular que comece a avaliación de danos para valorar a declaración de zonas catastróficas en concellos e comarcas.


0/5 (0 votos)