Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BUSCANDO CAUSAR O MAIOR DANO POSÍBEL

Os incendiarios perfeccionan os mecanismos para queimar os montes

A detección de incendios provocados a través de diversos focos, atopados ás dúas beiras dunha mesma pista forestal, a busca de lugares de complicado acceso para os servizos de extinción ou os lumes prendidos preto de vivendas e aproveitando os ventos para forzar ás brigadas a actuar na protección das casas e conseguir maior superficie queimada, así como a busca de zonas de árbores, no canto de monte raso, son algunhas das particularidades detectadas polos equipos que loitan contra o lume durante estes días. Todas elas evidencian unha modificación das estratexias dos incendiarios.

- 07:10 08/08/2006
Tags:

Outras características pasan pola concentración dos incendios en concellos veciños ao longo da mesma comarca, ou a propia secuencia horaria do inicio dos lumes. Así, se nalgúns casos se buscan as horas do día onde as temperaturas son máis elevadas, un elevado número de focos comezan pasadas as 20h, aproveitando a chegada da noite para prenderen os lumes. A última noite, do luns ao martes, é exemplo de como en diversas parroquias de Ames, Rianxo, Campo Lameiro, Cotobade ou Pontevedra, varios dos concellos onde máis graves incendios vén habendo estes días, se iniciaron novos focos, lumes presuntamente intencionados, a última hora da tarde ou entrada a noitiña.

Non lle imos dar tregua aos responsábeis dos lumes", afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. "Estamos diante dunha actividade delictiva desaforada", queixábase o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, durante esta fin de semana, sinalando a intencionalidade na maioría dos lumes detectados nos últimos días. Neste tempo, desde a consellaría veñen apuntando características como a aparición de incendios na mesma zona que xorden en varios focos diferentes, en zonas de acceso complicado, nas horas do día onde as temperaturas son máis elevadas, e mesmo aproveitando a aparición de fortes ventos. "A situación é gravísima", avisou o director xeral de Montes, Alberte Blanco, "estamos diante dunha guerra contra os incendiarios". "Todo son evidencias", láianse desde o executivo galego.


0/5 (0 votos)