Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIAN A "IMPUNIDADE" DOS INCENDIARIOS

Verdegaia e Ecoloxistas en Acción chaman ao compromiso coa "xestión sustentábel" do monte

"A vaga de incendios forestais en Galiza a as súas dramáticas consecuencias son o resultado tanto da falta de xestión sustentábel dos montes e da desorde territorial coma do elevado grao de impunidade do que gozan os incendiarios". Esa é a opinión conxunta asinada este martes polos colectivos Verdegaia e Ecoloxistas en Acción, ao tempo que piden "a máxima prioridade para o monte en Galiza".

- 11:50 08/08/2006
Tags:

"Situacións similares ás que vivimos estes días producíronse con anterioridade e poñen de manifesto a necesidade de que a ordenación e xestión sustentábeis do monte, que ocupa as dúas terceiras partes do territorio galego, ocupe un lugar destacado nas prioridades da Xunta e do resto das administracións ao longo de todo o ano, o que se debe traducir en máis recursos e en mellores políticas", recolle o comunicado conxunto dos dous colectivos.

Os ecoloxistas piden que logo de rematar a crise actual, a consellaría de Medio Rural convoque con urxencia o Consello Forestal de Galiza "para informarlle ás organizacións sociais sobre a evolución dos incendios e a aplicación do plano Infoga de actuación contra o lume". "O goberno bipartito non pode, como os anteriores, facer apelacións á inexcusábel colaboración cidadá sen ofrecer a máxima transparencia e participación social efectiva", critican, laiándose de que o plan non sufriu cambios importantes nos últimos meses e que "tampouco foi discutido este ano coas organizacións sociais, en particular coas ecoloxistas".

Como exemplo do défice de investimentos no monte citan a partida fixada polos últimos orzamentos da Xunta para axudas ao sector privado en materia de prevención de incendios, 1.2 millóns de euros, e sinalan que os convenios para desbroces no monte "incidirán tan só sobre 14.000 hectáreas, fronte a unha superficie declarada de especial risco de incendios de 391.549 ha.

Por último, aproveitan para lembrar que unha das conclusións do informe científico "Avaliación Preliminar dos Impactos en España polo Efecto do Cambio Climático" é que "os índices medios de perigo de incendios aumentarán e, en particular, a frecuencia de situacións extremas", polo que insisten en que a loita contra os incendios "é un motivo máis para reducirmos as emisións de gases que provocan o cambio climático, tan elevadas en Galiza en termos relativos".


0/5 (0 votos)