O goberno español vai ordenar o despregue de 190 patrullas nos montes para "evitar a repetición de lumes intencionados" segundo anunciou este martes Justo Zambrana, subsecretario do Ministerio do Interior. As patrullas, que estarán formadas por catro persoas cada unha, contarán tamén co apoio de nove brigadas do Ministerio de Medio Ambiente especializadas na loita contra o lume. Tamén se anunciou que a Dirección Xeral de Protección Civil "xestionará con outras comunidades autónomas" a posibilidade de contar con máis medios. Zambrana anunciou tamén que este mércores ás 11:00 horas se celebrará unha reunión na Consellaría de Presidencia da Xunta para tomar medidas dirixidas a reforzar o operativo da Administración autonómica.